​A XUNTA APOIARÁ O DESENVOVEMENTO DE MÁIS DE 60 PROGRAMAS DE ENTIDADES SOCIAIS DO ÁMBITO DA SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá no Encontro do Movemento Asociativo de Saúde Mental FEAFES Galicia, un acto, no que destacou os máis de 60 programas deste ámbito que, durante o ano 2023, contarán co apoio da Xunta de Galicia.

Durante o encontro celebrado na Cidade da Cultura, o titular de Sanidade salientou a importancia que posúe o tecido asociativo no tratamento das persoas que sofren algún tipo de doenza mental, cualificando a súa colaboración como esencial para poder seguir avanzando nestes coidados. 

“As entidades, como FEAFES, sodes uns dos motores do noso sistema de sáude, e as vosas aportacións son imprescindibles para seguir mellorando”, apostilou.

Segundo apuntou Comesaña, durante o ano 2023, a Xunta destinará unha partida de 1,2 millóns de euros -un 20% máis que en 2022-, para que estas entidades poidan desenvolver os seus proxectos.

De acordo ao establecido no Plan Galego de Saúde Mental 2020-24, a Xunta de Galicia está a reforzar os recursos humanos cos que conta a comunidade galega no eido da Saúde Mental. Así, o desenvolvemento do Plan implica a creación de 240 novas prazas de persoal especializado neste ámbito.

Do mesmo xeito, e no que atinxe á ampliación da rede asistencial, Galicia conta na actualidade con 41 unidades de saúde mental de adultos, e outras 9 destinadas a poboación infanto-xuvenil. Ademais, as sete áreas sanitarias galegas dispoñen de cadansúa unidade de prevención intensiva do suidicio.

Acompañado polo presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón; o conselleiro de Sanidade pechou a súa intervención poñendo en valor a importancia da colaboración entre as entidades sociais e a Xunta. Así, no que se refire aos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, a posta en marcha do Plan Galego de Saúde Mental permitiu incrementar -desde 2019- en máis de 150 as prazas concertadas nestes centros, ata superar na actualidade as 1.300.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde