​O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA O GRAN LABOR DO PERSOAL MÉDICO PARA FACER DA SANIDADE PÚBLICA GALEGA UN MODELO DE REFERENCIA A NIVEL INTERNACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2023


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no XV Encontro do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que se celebrou na Facultade de Medicina de Santiago, o gran labor do persoal médico para facer da sanidade pública galega un modelo de referencia a nivel internacional.

O titular da carteira sanitaria amosou a súa preocupación pola falta de médicos que está a vivir non só Galicia, senón toda España. Ao respecto, sinalou que o Executivo galego acaba de aprobar a maior oferta de prazas de formación sanitaria da historia da nosa comunidade, un 75% máis que no 2009, e deles a gran maioría, preto de 500, son médicos. Así mesmo, a Xunta convocou 413 prazas por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura na atención primaria, nos hospitais comarcais e no ámbito da saúde mental.

“Dende o Goberno galego facemos todo o que está na nosa man para ter máis e mellores profesionais sanitarios, por iso ofrecemos contratos estables de tres anos a todos os residentes de medicina de familia e pediatras que se queiran incorporar a un centro de saúde, e, este ano, por primeira vez, ofrecemos 60 contratos, tamén de tres anos, para os residentes que rematen a formación e queiran traballar nos hospitais”. 

Igualmente, -proseguiu o conselleiro-, “para os que levades anos con nós, seguimos a mellorar as condicións laborais con incentivos aos titores MIR, novos pluses ou actualizando os prezos das gardas”.

Xunto ao anterior, o responsable do Sergas puxo en valor a renovación integral do mapa hospitalario. En concreto, na provincia da Coruña, sinalou a construción do novo hospital universitario da Coruña, cun investimento de 500 M€, o maior da historia da sanidade galega; a ampliación nun 30% da superficie do hospital universitario de Santiago; ou a nova área de Radioloxía do hospital de Ferrol, que acaba de botar a andar.

En atención primaria, no que vai de lexislatura abríronse ou reformáronse oito centros de saúde nesta provincia e estase en trámite para construír outros catro.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que “a Xunta sempre terá tendida unha man aos médicos para seguir a avanzar e facer bandeira dunha sanidade pública galega de calidade”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde