A XUNTA UNIFICA A CONTRATACIÓN DOS SERVIZOS DE HEMODIÁLISE PARA PACIENTES DO SERGAS NUN ACORDO MARCO POR 198 M€ PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2023

​O Consello da Xunta aprobou a contratación, a través dun acordo marco con varios adxudicatarios, por un importe de 198.754.012 euros e un período de catro anos, da prestación do tratamento da enfermidade renal crónica avanzada, mediante hemodiálise en centros de carácter ambulatorio ou en domicilio para pacientes beneficiarios da asistencia sanitaria do Sergas, ou que temporalmente residan en Galicia, correspondentes ás sete áreas sanitarias.

Na actualidade máis de 2.100 pacientes están recibindo esta prestación en Galicia a través de distintos contratos deste servizo: en particular 1.450 dentro de centros hospitalarios concertados; preto de 600 nos centros de diálise extrahospitalarios con acordo co Sergas e uns 60 a través de contratos de prestación domiciliaria de diálise.

Este novo acordo marco permitirá unificar as condicións destas contratacións en toda Galicia, a través dun único proceso no que se seleccionarán as entidades que poderán logo optar a ser adxudicatarias dalgún dos 21 sublotes dos que consta.

Así, a licitación divídese en función de criterios clínicos e funcionais en tres lotes: a hemodiálise en centro hospitalario, a hemodiálise en centro extrahospitalario, e a hemodiálise domiciliaria, cada un deles dividido á súa vez en sete sublotes por cada unha das sete áreas sanitarias galegas. 

A Xunta dá cumprimento así ás recomendacións do Consello de Contas, que viña insistindo na necesidade de regularizar estas prestacións a través dunha fórmula contractual axeitada e que facilitase a libre concorrencia.

Este acordo recolle, por tanto, uns requisitos mínimos de prestación homoxéneos para toda Galicia en materia de persoal, espazos, equipamento ou criterios de calidade acordados entre os distintos servizos de nefroloxía do Sergas.

Ademais, estandariza tamén as posibles melloras que se valorarán para cualificar as ofertas. Así, dados os factores sociais e emocionais propios das persoas con enfermidade renal crónica en tratamento, as áreas sanitarias valorarán máis aquelas ofertas que engadan persoal de apoio que mellora a atención atención integral dos pacientes, como profesionais especializados en psicoloxía clínica, nutrición e dietética, fisioterapia ou traballo social.

No caso da diálise domiciliaria, os criterios de valoración das mellores ofertas incluirán unha asistencia técnica con período de resposta inferior a 24 horas ou un apoio formativo domiciliario durante os primeiros 15 días de tratamento.

Valoraranse tamén os procesos relacionados coa xestión ambiental, tanto pola auga que consumen estes servizos como pola gran cantidade de residuos que se producen.

O acordo marco establece tamén que as entidades adxudicatarias darán acceso completo á plataforma de seguimento da que dispoñan ao persoal facultativo ou de enfermería do servizo de Nefroloxía da área sanitaria de referencia, para permitir o seguimento dos pacientes en hemodiálise. A remisión dos datos clínicos dos pacientes hemodializados nos centros adxudicatarios será realizada por medio da plataforma tecnolóxica do Sergas de seguimento de pacientes crónicos, Telea. A atención requirida farase seguindo as pautas de actuación establecidas polo departamento sanitario galego.

Impacto da diálise

A diálise é unha terapia de substitución renal que ten como finalidade suplir parcialmente a función dos riles. A partir dunha perda significativa da función renal que aboca a unha insuficiencia renal crónica, os pacientes deben someterse ao tratamento que lles permita extraer as toxinas e o exceso de agua do sangue como norma xeral tres veces por semana.

Cómpre remarcar que a hemodiálise ten un importante impacto na vida persoal dos pacientes e na súa capacidade de desenvolver unha actividade laboral, e por iso que, co fin de fomentar unha mellor calidade de vida, reforzar a súa autoestima e promover un modelo de asistencia personalizada, o Sergas está a introducir a diálise domiciliaria co obxectivo de mellorar a vida dos pacientes que desexen ter unha vida social e laboral activa, e cumprindo, deste xeito, cunha das súas liñas estratéxicas de humanización. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde