COMESAÑA PON EN VALOR OS ACORDOS POR UNANIMIDADE DO SERGAS, QUE SE TRADUCIRON EN IMPORTANTES MELLORAS LABORAIS PARA O PERSOAL MÉDICO GALEGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 06 2023

“Dende a Xunta de Galicia queremos seguir avanzando coa man tendida a todos, colexios de médicos, sindicatos, asociacións, e abertos a escoitar calquera proposta que nos queirades achegar para camiñar xuntos co obxectivo de poñer en valor a profesión médica e a garantía dun sistema sanitario público forte, onde profesionais e pacientes se sintan ben acollidos, integrados e respectados”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun acto organizado polo Colexio de Médicos de Ourense, con motivo do día do médico.

O titular da carteira sanitaria destacou que os médicos do Sergas son unha referencia a nivel mundial, e como exemplo puxo a posta en marcha da cirurxía robótica cos Robot Da Vinci, “que fai de Galicia unha das rexións de Europa que máis e mellor emprega esta tecnoloxía”; ou coa posta en marcha de tratamentos pioneiros e practicamente únicos en Europa, como o equipo de ultrasóns focalizado HIFU, para tratar o párkinson.

Tamén remarcou o conselleiro o labor que se fai dende atención primaria. Unha atención primaria que, -segundo incidiu Comesaña-, está a revolucionar a medicina rural. Ao respecto puxo como exemplo a aula de formación en ecografía clínica para residentes e médicos de familia no rural, que está poñendo en marcha o centro de saúde de Laza.

O titular da carteira sanitaria subliñou a importancia de que “administracións, asociacións, profesionais e sociedade civil camiñemos xuntos na toma de decisións, adoptando medidas e chegando a acordos que favorezan que os traballadores se sintan cómodos na nosa sanidade e con medidas para que o relevo xeracional do sistema sanitario sexa asumido da mellor maneira posible.

Acordos de melloras

No que se refire ás medidas para mellorar as condicións laborais dos sanitarios, Comesaña lembrou que Galicia acredita un importante historial de acordos acadados por unanimidade entre o Sergas e os cinco sindicatos da Mesa Sectorial, sendo o máis importante deles o acadado no pasado mes de abril, “con numerosas melloras para todos os nosos profesionais, incluídos os MIR”.

Un acordo, o de abril de 2023, que supón melloras retributivas e unha redución progresiva da xornada ordinaria.  

Galicia é, asi mesmo, pioneira na aposta de fórmulas innovadoras para levar a cabo o relevo xeracional que ten que realizar o sistema sanitario en toda España, cunha elevada taxa de médicos en idade de xubilación. Entre esas medidas sinalou o importante aumento de prazas formativas MIR.

“A nosa comunidade tamén se situou á vangarda na aposta polo concurso de méritos para a provisión de prazas de difícil cobertura”, sendo a única que apostou por ofrecer por baremo de méritos unha praza fixa aos seus profesionais.

Finalmente, -incidiu Comesaña-, unha das últimas medidas aprobadas que sitúan a Galicia como unha das comunidades máis proactivas para darlle as mellores condicións aos seus médicos e acadar a remuda xeracional, é a oferta de contratos estables por tres anos a persoal residente hospitalario que remata a súa formación.

“En Galicia temos claro que os médicos constituídes o piar básico do sistema sanitario e para compensar ese esforzo extra que facedes neste contexto de déficit de profesionais, estamos a dar pasos moi importantes para asentar as bases desa remuda xeracional e garantir que sigades sendo o piar sobre o que se asenta o Sergas”, -concluíu o conselleiro-.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde