UN HOSPITAL E UNHA RESONANCIA ESPECIAIS PARA OS MÁIS PEQUENOS NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2023

​Profesionais do Servizo de Anestesia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol levaron a cabo unha “lúdica” iniciativa para axudar ós máis pequenos a se enfrontar ó que é un centro hospitalario e unha proba como a Resonancia Magnética  ou o TAC. Así, estiveron meses a construír con bonecos clicks pouco a pouco un centro hospitalario ó que non lle falta detalle; e, ademais dos ámbitos puramente sanitarios nos que están os nenos implicados, conta tamén coa súa propia cafetería ou incluso coas obras que  acompañan a este Complexo nos últimos anos por mor do desenvolvemento do Plan Director.

Por outra banda, estes profesionais querían minimizar a ansiedade que lle produce ós máis pequenos realizar unha proba descoñecida, como é a da Resonancia Magnética, así que reproduciron unha sala de Radioloxía con esta tecnoloxía e coas persoas implicadas que o neno ou nena verá cando chegue alí. “Non queremos que os nenos teñan medo, cando menos, que saiban o que se van atopar, e diminuír así a súa ansiedade”, explican, “que se familiaricen co ámbito hospitalario”.

“Poden ver tódolos fluxos, entradas de persoas en cadeiras de rodas ou profesionais, saídas de familias cos seus bebés recentemente nados, e tódalas persoas que poden encontrar, non só médicos e enfermeiras, senón tamén persoal de limpeza, mantemento, seguridade ou celadores. De feito, hai unha mamá embarazada e un pequeno co brazo escaiolado”, describen. “Aquí hai xente de todo tipo, é unha pequena cidade”, subliñan. Efectivamente, pódese ver un andar de pediatría con tódalas persoas e detalles, unha UCI pediátrica con pequenas incubadoras; un quirófano cos profesionais que están alí para poderlles explicar quen é cada un e que lle vai facer; ou un TAC no propio hospital que se suma á Sala de Resonancia específica.

Familiarizarse co ámbito hospitalario

Estes especiais e xogueteiros ámbitos hospitalarios estarán na entrada do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá durante quince días; despois pasarán á aula hospitalaria durante unha temporada, ata recalar finalmente no seu ámbito definitivo, os andares de Pediatría do Complexo, onde os profesionais poderán empregalos para dar conta ó neno de onde está e por que, e irlle contando quen son as persoas que se van encontrar no hospital e que lle van axudar no seu proceso.

Esta non é a única iniciativa desenvolvida por este Servizo para facilitarlle ós máis pequenos a súa estadía no ámbito sanitario, xa que hai uns anos colaboraban coa mestra da aula hospitalaria para realizar a publicación “O meu paso polo quirófano”, levada a outras áreas sanitarias tamén, e premiada en foros especializados. Este mini Hospital levará o nome de Silvia Rodríguez Dapena, a directora asistencial desta Área no momento que se lle daba pulo a este proxecto, e falecida hai ó redor dun ano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde