O SERGAS ADIANTA O ACCESO Á CARREIRA PROFESIONAL DOS PROFESIONAIS EN FORMACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 06 2023

O Edificio Administrativo de San Lázaro acolleu, o pasado venres, unha xuntanza da comisión de seguimento de carreira profesional, asinada polos sindicatos CIG, CSIF, SATSE e UGT. Na reunión, a proposta da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, tense acadado un importante acordo de mellora para o persoal residente en formación. Se posibilita ao persoal residente en formación no Sergas (MIR, EIR; PIR; FIR...) acceder, nos seus últimos anos de formación, ao grao inicial de carreira profesional. Deste xeito, anticípase o momento no que este persoal poderá acceder ao grao 1, pois non será preciso completar os cinco anos posteriores de permanencia no servizo para poder solicitalo. Esta regulación terá en conta para determinar o momento en que se poderá solicitar o grao inicial, as diferentes duracións do período formativo (2, 3, 4 ou 5 anos).    

O persoal residente no cuarto ano de formación, no segundo no caso do persoal enfermeiro e no terceiro no caso do persoal que se está formando en radiofísica, xa ten avanzado substancialmente na asunción de responsabilidades na tarefas propias da especialidade e na redución do nivel de supervisión. Ademais, xa está situado na fase final do seu período formativo. Tamén comeza a valorar as diversas opcións do seu futuro emprego como persoal especialista.

Coa finalidade de incentivar a permanencia destes profesionais no Sistema Público de Saúde de Galicia no momento en que acaden a especialidade, considérase oportuno anticipar a súa incorporación ao sistema de carreira profesional. Así, a partir do momento en que inicie o seu cuarto ano de formación, segundo ano nas especialidades con dous anos de formación e terceiro nas especialidades con tres anos de formación, poderá acceder ao grao inicial. 

O período de permanencia do persoal residente nese grao inicial, un ou dos anos, será computado na súa futura carreira profesional como persoal especialista do Servizo Galego de Saúde, reducindo, na medida correspondente, o período de permanencia de cinco anos preciso para poder solicitar o grao I da correspondente especialidade.

O persoal residente no cuarto ano de formación en Medicina Familiar e Comunitaria, a partir da publicación do acordo, poderá solicitar o grao inicial como persoal residente en formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. Se no ano 2024 comeza a traballar no Sergas como médico de familia, no ano 2028 podería solicitar o grao I de carreira profesional de médico de familia. 

Máis de 26.000 traballadores do Sergas perciben o complemento

A carreira profesional do persoal do Sergas ten permitido que, na actualidade, perciban complemento retributivo dalgún dos catro graos de carreira profesional 26.253 traballadores. En atención primaria hai 6.392 profesionais con algún grao de carreira profesional, o que supón o 63,03 % dos profesionais activos a día de hoxe (10.141).

Por outra banda, neste ano, 7.705 novos profesionais acadaron o grao I de carreira profesional. O pago en nómina do incremento vinculado ao complemento de carreira da convocatoria do 2022 aplícase ao 100% dende xaneiro deste ano, cun incremento retributivo medio do 6%, que se engade ás melloras retributivas por dous acordos sucesivos acadados, un no mes de xullo de 2022 no ámbito de atención primaria, e o segundo, de 20 de abril de 2023, con importantes subidas para todo o persoal e tamén co acordo de redución da xornada laboral.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde