GALICIA ESIXE AO GOBERNO CENTRAL UNHA FOLLA DE RUTA COMPLETA PARA A MELLORA DA ATENCIÓN TEMPERÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 06 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, votaron hoxe en contra dunha folla de ruta incompleta e inacabada para a mellora da atención temperá en España. Os dous conselleiros galegos participaron, por videoconferencia, no pleno extraordinario conxunto do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e do Consello Territorial de Servizos Sociais e do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

A Xunta de Galicia non discute o fondo da cuestión, a mellora da atención temperá en España, xa que o documento que se elaborou por un grupo de expertos é bo no seu contido, pero non está completo. Para o Executivo galego, trátase só dunha primeira parte da folla de ruta, un marco conceptual moi xenérico e pouco técnico, que non desenvolve os aspectos máis importantes como son: os criterios de detección comúns, un catálogo básico de servizos, os  estándares de calidade, os sistemas de información e coordinación e o financiamento. En consecuencia, a Xunta está en contra de aprobar un traballo inacabado que podería responder a intereses electorais.

A Xunta remarca que o Goberno central coñece perfectamente que se atopan pendentes de formación de Goberno varias comunidades autónomas, estando ademais en curso unha convocatoria de eleccións xerais para o 23 de xullo que conformará un novo goberno, que é o que deberá implementar a nova folla de ruta para a atención temperá. A Xunta considera, pois que, dadas estas circunstancias, debería agardarse á conclusión de todos os traballos para aprobar este documento.

A Xunta lembra que, na primeira reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde na que participou o novo ministro de Sanidade, José Miñones dixo  que, dado o momento no que había, de eleccións municipais, non consideraba adecuado tratar o principal problema da sanidade, como é a falta de médicos. En base a iso, a Xunta considera que, para aprobar o primeiro documento doutros cinco que hai que desenvolver para a mellora da atención temperá, nun momento no que hai eleccións xerais, semella moito máis apropiado agardar, que é o que hoxe pediu Galicia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde