​A XUNTA PREMIA O MELLOR VIDEO DE DIVULGACIÓN SOBRE ENSAIOS CLÍNICOS NA PRIMEIRA EDICIÓN DE “REIMAXINA A CIENCIA” EN GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 06 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá na entrega dos premios “Reimaxina a Ciencia” en Galicia, o novo proxecto pedagóxico da Xunta no que o alumnado de Secundaria e Bacharelato presentan os seus traballos vencellados aos ensaios clínicos.

Organizada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), e coa colaboración da farmacéutica Novartis, o salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu unha gala na que resultou premiada a iniciativa audiovisual “Agapito informa: ensaios clínicos”, elaborada polo alumnado do IES de Ames (Bertamiráns).

García Comesaña puxo de relevo o “talento excepcional” dos mozos e mozas galegas nos seus proxectos audiovisuais, ao ser quen de trasladar nos seus traballos o papel crucial que xogan os ensaios clínicos e a investigación no ámbito da Sanidade.  

Acompañado polo xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa; a directora científica do IDIS, María Luz Couce; e a directora de Asuntos Corporativos de Novartis, Rosemarie Neipp; o conselleiro explicou que os ensaios clínicos son fundamentais para probar a eficacia e a seguridade dos novos tratamentos e terapias, posibilitando o avance da medicina e mellorando a saúde das persoas. 

Nesta liña, salientou que as achegas do alumnado permiten “obter unha perspectiva distinta, diferencial, e a ter en conta de cara a afrontar os grandes retos da saúde pública e a medicina do futuro”. Porén, convidou aos mozos e mozas a manter a súa paixón pola ciencia e a investigación.

Na primeira edición do proxecto “Reimaxina a Ciencia” en Galicia, participaron un total de 1.047 alumnos e alumnas, pertencentes a 33 centros educativos da comunidade galega. 

Así, acadaron a fase final do concurso os seis vídeos realizados polos estudantes dos CPI Alfonso VII de Caldas de Reis; o IES de SAR de Santiago de Compostela -2 vídeos-; o IES de Ames; o IES Perdouro de Burela, e o IES do Milladoiro. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde