A ÁREA SANITARIA DE FERROL DESPIDE Ó ALUMNADO DE ENFERMARÍA QUE FIXO AS SÚAS PRÁCTICAS NESTA ÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 06 2023

​Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol despedían esta mañá ás 42 alumnas e alumnos do Grao de Enfermaría que desenvolveron as súas prácticas nos centros sanitarios desta Área. Foi no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, onde estiveron arroupados, ademais de por outros profesionais, polo medio centenar de titores que supervisan a súa formación práctica.

Do total dos 42 alumnos e alumnas, 37 pertencen á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña; 2 son da Facultade de Enfermaría de Santiago de Compostela; e 3 son alumnado Erasmus. Presidían o acto a directora de Enfermaría, Isabel Campos Pardo; a directora de Soporte da Área Sanitaria de Ferrol, Rocío Vilchez Simó; o presidente da Comisión de Docencia, Ramón López de los Reyes; e a decana da Facultade de Enfermaría, Enma Rodríguez Maseda.

O alumnado do Grao de Enfermaría realiza unha rotación de dous meses no seu terceiro ano de formación; e, no cuarto, xa desenvolve o seu período de practicum do curso, neste caso 2022-2023, nos centros sanitarios da Área Sanitaria ferrolá, como paso previo á súa saída ó mundo laboral.

Especiais mencións os titores

Tódalas persoas que interviñeron tiveron palabras especiais e de agradecemento para os titores, que como di a supervisora de docencia de Enfermaría, Marisa Fraga Sampedro, “o punto forte desta Área é que os titores acompañan en todo momento da súa formación a este alumnado”. Ademais, Rocío Vilchez e Ramón López subliñaron o traballo en equipo das distintas categorías profesionais. 

A directora de Enfermaría afirmou que “os pacientes son o para e o por do noso traballo. Hai sempre que velar por eles”. Recordoulles que “a formación enfermeira non acaba nunca”; e deulles a benvida “á profesión más bonita do mundo”. Pola súa banda, a decana deu as grazas tamén ó equipo xestor “por entender e apoiar as necesidades do alumnado”; e ós enfermeiros e enfermeiras da Área “pola responsabilidade que supón acompañalos na sua aprendizaxe”.

Unha representante do alumnado falou en nome de tódolos compañeiros e compañeiras e, de novo, o gran núcleo dos seus agradecementos foron para os titores, cos que compartiron a “parte más bonita e tamén a máis dura da profesión”, pero, engadiu, que lles deron “as ferramentas para poder levalo a cabo”. Un remate especial para a intervención do propio alumnado: “Grazas futuros compañeiros”.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde