A XUNTA E O COMITÉ CIDADÁN ANTISIDA DA CORUÑA COLABORARÁN NA PREVENCIÓN E A DETECCIÓN PRECOZ DA INFECCIÓN POLO VIH E A HEPATITE C EN ZONAS DE OCIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 06 2023

A Consellería de Sanidade e o Comité cidadán antisida da Coruña (CASCO), asinaron hoxe un convenio de colaboración para o establecemento de relacións de colaboración destinados ao fomento da prevención e a detección precoz da infección polo VIH e o virus da hepatite C en persoas vulnerables en zonas de ocio do concello da Coruña, así, como tamén, en eventos de ocio multitudinarios ocasionais desta provincia. O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e pola directora de CASCO, Sonia Valbuena García, e na sinatura estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor López; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.

O desenvolvemento deste convenio posibilitará o diagnóstico de infeccións descoñecidas, así como seguir coñecendo a dinámica de prevalencia e eliminación do VIH e VHC nos grupos de poboación máis vulnerables.

ViHxía móbil, punto de información en saúde pública

Tal e como explicou o conselleiro, en virtude deste convenio procederase á realización dun programa piloto dunha duración de seis meses, que se levará a cabo a través dunha unidade móbil (ViHxía móbil), e para o que Sanidade achegará a CASCO un total de 18.000 euros. 

O programa, que coordinará a Dirección Xeral de Saúde Pública, pretende mellorar as actuacións existentes no eido da prevención do VIH e o VHC, e fomentar o uso de probas rápidas de detección precoz, achegando estas actividades aos lugares e momentos de ocio e de especial interese para captar a un maior número de persoas vulnerables, que habitualmente non acoden ao sistema asistencial sanitario ordinario.

Este programa, contribuirá a avaliar a implantación destas medidas de cribado de maneira permanente e xeneralizada noutras contornas comunitarias de Galicia como medida de saúde pública fronte ás infeccións polo VIH e o VHC.

Tal e como dixo Comesaña, Sanidade dotará a CASCO cos materiais de cribado para levar a cabo as probas rápidas a realizar no período de duración desta iniciativa. Así mesmo, o departamento sanitario galego proporcionará unha vía rápida de acceso á unidade de VIH do hospital público universitario da cidade herculina, para confirmar ou excluír os resultados. Sanidade tamén proporcionará a CASCO material preventivo, como paquetes de inxección hixiénica de drogas, preservativos e material informativo sobre VIH, VHC e outras infeccións de transmisión sexual.

Segundo indicou o reponsable do Sergas, a unidade móbil de CASCO situarase periodicamente nos lugares de ocio de interese para o proxecto piloto. Desprazarase dous días á semana, preferentemente venres e sábado, en horario de 22 horas a 24, ás cinco zonas de ocio da cidade; Orzán, San Andrés, A Marina, Matogrande, San Xoán-Praza de España, e a festivais e eventos de ocio desta provincia (Morriña Fest, Atlantic Pride, Festas de María Pita, Festival Celta de Ortigueira, etc.).

CASCO disporá de dous técnicos con formación en probas rápidas de VIH e VHC, que se encargarán de atender ás persoas usuarias no ViHxía Móbil, para desenvolver o programa.

Sanidade remarca que a infección polo VIH e o VHC non ocasiona síntomas evidentes nos primeiros estadíos e as persoas permanecen infectadas longo tempo ata o diagnóstico, ocasionándolles un dano moi importante á súa saúde e, asemade, facilitando a continuación da cadea epidemiolóxica de transmisión destas infeccións a outras persoas, de aí a importancia deste programa piloto de cribado dirixido a persoas de especial vulnerabilidade, que describa a prevalencia da área de estudo, neste caso o concello da Coruña.

Sinalar, así mesmo, que este programa de cribado forma parte das estratexias recomendadas polos organismos internacionais para poñer fin a estas infeccións no ano 2030.

Medidas da Xunta

O conselleiro dixo que, con este proxecto, Galicia segue a avanzar nos pasos dados nos últimos anos para combater as infeccións de transmisión sexual. “Estamos rematando a execución do actual Plan galego anti-VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual, unha actuación constante desde o Plan galego para a prevención da Sida do ano 1988, que foi a semente dos seguintes”.

Ademais, en outubro do ano pasado, “aprobamos, de xeito pioneiro, a Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia”. Adiantando ao ano 2026 a consecución dos obxectivos propostos pola OMS para o 2030. Tamén nos preparamos fronte a novas ITS, como, por exemplo, “coa campaña de vacinación contra a variola do mono, destinada especialmente á poboación en risco de contraer a enfermidade”.

O responsable do Sergas dixo que, no caso da hepatite C, a estratexia xa está a dar os seus froitos. “Comezamos coa implantación efectiva do cribado poboacional oportunista nas áreas sanitarias de Santiago, A Coruña, Lugo e Pontevedra”.  Nos primeiros cinco meses da posta en marcha deste cribado analizáronse preto de 24.000 probas de hepatite C e detectáronse un total de 27 positivos. “Casos que se derivan con celeridade para a súa atención e inician o tratamento nun prazo máximo de 21 días”. O titular de Sanidade indicou que “esta mesma semana comezará o cribado na área sanitaria de Ferrol, e estenderémolo ás áreas sanitarias de Ourense e de Vigo nos próximos meses, para ofrecerlle este cribado a toda a poboación de Galicia”.

Para rematar a súa intervención Comesaña remarcou que a Xunta adxudicou este ano axudas por valor de 900.000€ para proxectos de prevención do VIH e outras Infeccións de transmisión sexual no período 2022-2025, e incidiu en que este convenio hoxe asinado enmárcase nunha estratexia de acción moi clara da Xunta de Galicia “para abordar as infeccións de transmisión sexual como o VIH e a hepatite C e conseguir a súa erradicación como problema de saúde pública na nosa comunidade nos vindeiros anos”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde