​RESIDENTES DE ANATOMÍA PATOLÓXICA DO HOSPITAL CLÍNICO PARTICIPAN NUN ESTUDO INTERNACIONAL PUBLICADO NO GRUPO LANCET
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2023

     

​Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- Médicos residentes do servizo de anatomía patolóxica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza participaron nun estudo internacional que ven de ser publicado na revista The Lancet no que se analizaba un posible aumento na agresividade dos tumores tiroideos tras a pandemia de COVID-19. Así, nesta recente publicación con colaboración de Kelly Vargas Osorio e Jaime Reuto Castelo,  residentes patólogos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela demostrou que a pandemia de COVID-19 é responsable dun aumento de tumores da glándula tiroides máis agresivos.

 

O estudo, publicado no número de xuño da prestixiosa revista médica Lancet Diabetes Endocrinology, recolle a experiencia de máis de 87.000 pacientes de 157 hospitais e 59 países antes, durante e despois da pandemia (xaneiro do 2019 ata decembro de 2021), que foran diagnosticados citolóxicamente con nódulos tiroideos “indeterminados”.

 

A experiencia recollida a nivel mundial, incluíndo a achega galega, demostrou que o atraso na intervención destes nódulos debido ás prioridades establecidas durante a pandemia deu lugar a tumores de maior tamaño e con maior número de metástase no momento da cirurxía.

 

No estudo tamén colaborou o doutor José Manuel Cameselle, facultativo especialista do Hospital Clínico Universitario e titor dos médicos residentes. De acordo cos datos recolleitos a nivel mundial, os autores deste artigo concluíron que “a cirurxía por nódulos tiroideos ‘indeterminados’ non debería ser atrasada en futuras situacións de pandemia” segundo destacan. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde