GRUPO MULTIFAMILIAR PARA A SAÚDE MENTAL E SAÚDE EN REDE, TRABALLOS FIN DA RESIDENCIA DAS ENFERMEIRAS ESPECIALISTAS NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2023

​As sete residentes de Enfermería das especialidades de Saúde Mental e de Familiar e Comunitaria que rematan a súa especialidade na Área Sanitaria de Ferrol amosaban esta mañá os seus traballos fin de residencia, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Neste acto, destacouse a calidade dos traballos de investigación presentados, traballo que é unha pecualiaridade nesta formación residente; e, tamén, o esforzo dos titores ó longo dos dous anos de residencia.

Aitana García defendía o traballo Deseño e posta en marcha dun método de sistematización para grupos multifamiliares no Hospital de Día de Psiquiatría; e Paz Caínzos, Laura López, Selene Lourido, Paula Souto, Susana Verdía e Graciela Villamil o traballo O noso Barrio, A nosa Rede. Experiencia de creación dunha Rede Local de Promoción da Saúde no barrio "Ensanche A" en Ferrol.

Ter en conta o entorno familiar

A futura enfermeira especialista Aitana García partía da base no seu traballo da idea de que as intervencións terapéuticas antes estaban dirixidas fundamentalmente á institucionalización do paciente, co consecuente distanciamento da contorna familiar e o aumento do risco de exclusión social. Co desenvolvemento da Lei Xeral de Sanidade, apóstase por unha abordaxe centrada en entender á persoa na súa propia contorna incluíndo ó familiar. Formando parte da evolución xorden os grupos multifamiliares como recurso terapéutico de gran valía, e que no Servizo de Psiquiatría do CHUF comezan por primeira vez.

O estudo que presentaba esta mañá describe esa posta en marcha dun grupo multifamiliar, integrado por usuarios do Hospital de Día, familia ou persoa significativa dese usuario, e profesionais, no Hospital de Día de Psiquiatría do Complexo, durante os meses de decembro do 2022 a maio do 2023. O obxectivo é dar a coñecer a análise e a sistematización da experiencia obtendo unha aprendizaxe crítica da mesma. 

E conclúe, tras seis sesións multifamiliares mensuais e o seu correspondente análise, que as intervencións que teñen en conta á familia, e que se desenvolven de maneira integradora, ofrecen unha alternativa na que se trata ós pacientes desde unha perspectiva biopsicosocial. Derívase a “boa predisposición” e o “clima de confianza” xerado, e detecta cada vez maior participación dos usuarios ó longo das sesións.

Saúde en Rede

Pola súa banda, no ámbito das futuras especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria, falaron desta rede local que implica que un profesional da saúde e un paciente identifican xuntos actividades da comunidade para mellorar a súa saúde e o seu benestar. O piar fundamental deste proxecto é a pretensión de impulsar a gobernanza local en saúde, descentralizando con iso o papel das e os profesionais sanitarios e cedendo o lugar protagonista á cidadanía. Expuxeron as moi distintas fases do proxecto.

Produciuse un primeiro contacto o pasado novembro co Concello, e máis de trinta encontros tanto individuais como colectivos cunha ducia de moi diversos colectivos, asociacións veciñais, e grupos étnicos e relixiosos que representen a diversidade cidadá deste barrio do Inferniño Ensanche A. Realizaron un mapa de activos, que son factores ou recursos que melloran as habilidades de persoas, grupos, comunidades, poboacións, sistemas sociais e/o institucións para manter e soster a saúde e o benestar, e axudar a reducir as desigualdades en saúde, e detectaron canda eles necesidades e desexo de melloras para o barrio en distintos eidos.

Ás xa citadas xuntanzas con diversos colectivos, uniron o traballo dun mapa das emocións, tanto cos máis novos nos institutos e colexios, como coa poboación xeral, plantexándolles cuestións tales como que lles xera ou produce benestar e o que non do seu barrio. Así, visitaron centros educativos e, tamén, acudiron á praza más concorrida do barrio e preguntaron á poboación en xeral que pensan do barrio, que botan en falta, e que problemática ven, entre outras cuestións. Isto é, aplicaron diversas metodoloxías e técnicas de investigación: documentais, entrevistas en profundidade individuais, observación directa, grupos de discusión nos que se puña en contacto a moi diferentes colectivos, técnicas específicas de participación comunitaria como o mapeo emocional, a liña do tempo, o mapeo artístico e a fotovoz. Fixeron tamén accións comúns xa materializando o proxecto como a xornada Inferniño Saudable que se producía hai unhas semanas. Agora quedan asentadas as bases para continuar o traballo comunitaria e a relación centro de saúde e entorno.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde