A XUNTA PROCURA NO MERCADO SOLUCIÓNS INNOVADORAS PARA A DETECCIÓN PRECOZ DE CANCROS E ENFERMIDADES MENTAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2023

O Servizo Galego de Saúde vén de lanzar unha Consulta Preliminar de Mercado no marco do Plan de Innovación sanitaria PRECISAÚDE, na procura de atopar solucións innovadoras que melloren o diagnóstico precoz e o tratamento de enfermidades como o cancro, os trastornos mentais ou a obesidade. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de presentación desta iniciativa. No acto, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado do xerente de Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa.

Mediante esta consulta, o Sergas quere potenciar diferentes eidos sanitarios que se aliñan coa denominada Medicina 5P –Personalizada, Preditiva, Preventiva, Participativa, e Poboacional-, e na que a análise de datos clínicos, xenéticos, ambientais e de estilo de vida, permite deseñar tratamentos personalizados e adaptados ás necesidades específicas de cada paciente.

Neste senso,  a intención do Sergas é identificar solucións no mercado vencelladas a catro grandes eixos.

En primeiro lugar, a Administración galega pretende atopar solucións baseadas en biomarcadores que contribúan  a mellorar a detección precoz dos cancros, anticipar o diagnóstico dos trastornos mentais, e mesmo monitorizar a resposta dos tratamentos da obesidade.

Por outra banda, búscanse sistemas de simulación innovadores, con dous retos principais: o desenvolvemento e validación de técnicas hemodinámicas para o tratamento das paradas cardiorrespiratorias e a ECMO (osixenación por membrana extracorpórea), e o desenvolvemento e validación de solucións de simulación para o tratamento de feridas crónicas.

A terceira das liñas de actuación do Plan PRECISAÚDE consiste na busca de plataformas globais para a xestión de datos ómicos. Uns sistemas que integren toda a información relevante da historia clínica, coa posibilidade de crear un espazo de datos para a análise automatizada, mediante o emprego de técnicas Big Data e  Intelixencia Artificial.

O último dos eixos prioritarios de PRECISAÚDE céntrase no desenvolvemento de novas terapias avanzadas de terapia xenética e celular, procurando así mesmo solucións para a xestión integral da produción destas terapias.

Unha revolución no campo da Saúde, a Medicina 5P

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, continúan a desenvolver unha importante tarefa en materia sanitaria, fomentando o perfeccionamento dos servizos sanitarios co obxectivo de mellorar a calidade da saúde dos seus pacientes.

Así, avanzan na estratexia de compra pública innovadora iniciada cos programas Código100 ou o Hospital2050, que foi premiada en 2021 polo Consello Europeo de Innovación, na primeira edición dos Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación.

Mediante a introdución da Medicina 5P –Personalizada, Preditiva, Preventiva, Participativa,  Poboacional-, vaise un paso máis alá do modelo sanitario tradicional, ao avanzar cara un paradigma no que o emprego das novas tecnoloxías e a análise masiva de datos, permitirá deseñar tratamentos personalizados e adaptados ás necesidades específicas e individuais de cada paciente.

O conselleiro de Sanidade remarcou que este novo paradigma representa “unha revolución no campo da Saúde”, pois permite “unha perspectiva máis eficiente e efectiva para o tratamento de diversas patoloxías, ao tempo que reduce os efectos secundarios e mellora a calidade de vida do paciente”.

Consulta preliminar do mercado

As consultas preliminares ao mercado son un mecanismo mediante o que as entidades sanitarias e os responsables da toma de decisións poden interactuar cos provedores de solucións innovadoras, antes de lanzar unha licitación ou un proceso formal de adquisición. 

Este proceso permite unha comunicación bidireccional, xa que os provedores poden presentar as súas propostas e as entidades sanitarias poden expresar as súas necesidades e requirimentos específicos. Deste xeito, o propio mercado é o que dará a resposta sobre as solucións que existen, ou que poidan existir, para resolver as necesidades existentes.

O prazo de participación nesta consulta aberta continuará activo ata o día 17 de xullo de 2023, podendo participar na convocatoria tódalas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, con interese de achegar ideas relativas aos ámbitos sinalados.

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, animou á participación neste proceso de consultas e a remitir as propostas para resolver os distintos retos que se expuxeron ao longo da xornada. 

“Esta fase de consulta é fundamental, xa que nos permitirá recompilar información valiosa de persoas expertas e provedores para identificar as mellores opcións dispoñibles en termos de innovación sanitaria. Estamos comprometidos en establecer alianzas sólidas e estratéxicas con empresas e institucións que compartan a nosa visión e estean dispostas a colaborar na implantación de solucións efectivas”, precisou López-Pardo.

Unha vez rematada a consulta, publicarase un informe de conclusións que servirá de guía para as futuras contratacións que se leven a cabo. Toda a información sobre o proceso da CPM pódese atopar na páxina web do Plan de innovación sanitaria PRECISAÚDE: precisaude.sergas.gal

 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde