O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA A REVOLUCIÓN TECNOLÓXICA NO ÁMBITO DA MEDICINA CIRÚRXICA GALEGA GRAZAS AOS ROBOT DA VINCI
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2023

O conselleiro de Sanidade sinalou hoxe, no acto de clausura do curso 2022-2023 da academia médico cirúrxica de Santiago, “que se de algo nos podemos sentir orgullos en Galicia é de que temos un sistema público sanitario en constante avance”. Tal e como referiu o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no ámbito da medicina cirúrxica, “a nosa comunidade experimentou unha revolución tecnolóxica da man dos robot cirúrxicos Da Vinci, o que supuxo unha considerable mellora na seguridade e calidade das intervencións por cirurxía laparoscópica”. Beneficios, -proseguiu o conselleiro-, tanto para os profesionais como para os pacientes e o propio hospital.

Para os profesionais, o responsable do Sergas subliñou que os Da Vinci representan unha maior precisión, unha diminución da dificultade no acceso a zonas complexas, e unha excelente visualización dos puntos de referencia anatómicos, grazas á visión 3D reconstrutiva. Para os pacientes, maior seguridade e calidade, menor perda sanguínea, diminución da estadía media, menor dor postoperatoria e unha recuperación máis rápida. Para o hospital, supón menos transfusións, maior rendemento nos quirófanos, menor estadía media, polo que significa que hai máis camas dispoñibles, e menores complicacións intra e postoperatorias.

“A posta en marcha da cirurxía robótica non sería posible se non contásemos con excelentes profesionais, cunha excelente formación no manexo desta tecnoloxía”. De feito, -segundo indicou Comesaña-, os robots instaláronse nas sete áreas sanitarias en xullo de 2021, empezando simultaneamente con sete intervencións urolóxicas e, acto seguido, comezou a formarse ao persoal de cirurxía xeral e dixestiva e de xinecoloxía.

Intervencións realizadas

Na actualidade, “contamos con 84 cirurxiáns de consola acreditados, máis de 160 cirurxiáns asistentes e máis de 200 profesionais de enfermería e anestesia”. Ademais, estanse a desenvolver máis de 320 actividades para formar a novos profesionais. Grazas a eles, ao peche de 2022, os robots Da Vinci realizaron máis de 2.700 intervencións en toda Galicia, un 40% de cirurxía xeral e dixestiva, un 34% de uroloxía, un 15% de xinecoloxía, un 8% de cirurxía torácica e un 3% de otorrino e maxilofacial. En concreto, no Hospital Clínico, tamén a peche do pasado ano, realizáronse máis de 350 intervencións.

O conselleiro destacou do doutor Manuel Martínez, -homenaxeado no acto de hoxe en Compostela-, e que ocupou durante máis de 20 anos a xefatura de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, “a súa inmensa traxectoria en favor do avance do coñecemento médico e da mellora do sistema público de saúde”. 

“A nosa sanidade pública ten a calidade que hoxe acada, grazas a profesionais como o doutor Martínez, que axudaron a formar as novas xeracións e que puxeron os alicerces do noso sistema público de saúde”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde