O SERGAS PRESENTA OS 5 EIXOS DA SÚA ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR PARA REDUCIR O IMPACTO AMBIENTAL A TRAVÉS DA INNOVACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2023
 
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, que ten como obxectivo buscar iniciativas innovadoras que resolvan o impacto que a actividade continuada do Sergas, os 365 días do ano, causa ao medio ambiente. Trátase dun reto ineludible que o departamento sanitario galego afronta a través deste documento co propósito de asegurar a sustentabilidade do sistema sanitario como camiño cara unha contorna saudable e equilibrada para os seus habitantes. A introdución da economía circular no sector da saúde supón un aforro de custes, unha maior eficiencia, e a redución do impacto ambiental e de emisións de CO2 equivalente, entre outros avances.

A estratexia ten un horizonte temporal marcado no ano 2030, e será a principal ferramenta para impulsar o cambio dun modelo lineal cara a un circular, mediante a promoción dun desenvolvemento sostible cun claro enfoque na sustentabilidade ambiental, pero, tamén, tendo en conta os determinantes sociais da saúde e as repercusións do cambio climático que ten na mesma.Este documento desenvolve no eido sanitario a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 (EGEC), aprobada pola Xunta en 2019, co reto de situar a Galicia como referente europeo en materia de sustentabilidade económica e ambiental.

Multidisciplinar, aberta e participativa

Cómpre remarcar que o Sergas leva case dúas décadas nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible, que dea resposta ás necesidades futuras da poboación galega, e esta estratexia ten como fin servir de apoio ás persoas que integran o departamento sanitario galego para que poidan continuar a traballar nas accións iniciadas dende hai 20 anos. 

O Sergas apostou por unha estratexia multidisciplinar, aberta e participativa, para a que  se conformaron dous grupos de traballo, un interno con representantes das sete áreas sanitarias e servizos centrais, e outro externo englobando representantes das tres universidades galegas, xunto co Clúster Saúde de Galicia; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Axencia Galega da Industria Forestal; e o Clúster da Madeira e Deseño de Galicia.

Ao respecto, desenvolveuse un diagnóstico da situación dos proxectos e iniciativas sostibles que xa se estaban a levar a cabo nas diferentes áreas sanitarias, tanto en hospitais como en centros de saúde, para poñelas en valor e que sirvan de transmisión e difusión da cultura de sustentabilidade e circularidade a profesionais, pacientes, familiares, acompañantes e provedores.

Sinalar que cada área sanitaria e cada centro de traballo poderá definir a folla de ruta que máis se adapte ás súas necesidades concretas, dando prioridade aos eixos estratéxicos. Para asegurar unha homoxeneidade na implantación, anualmente establecerase unha priorización de accións que se van realizar, que se incluirán nos Acordos de Xestión que o Sergas asina anualmente coas súas áreas sanitarias. Ademais, con carácter anual, o Sergas procederá á elaboración dun informe de seguimento da Estratexia.

Accións a levar a cabo

Os eixos de actuación recollidos na Estratexia son un total de cinco: Recursos e materias primas; Residuos e pegada ambiental; Ecodeseño de procesos; Investigación, innovación e investimento responsable; e Comportamento social.
 
No primeiro dos eixos, Recursos e materias primas, as liñas a seguir serán a minimización do consumo de combustibles fósiles e mellora da eficiencia enerxética; a construción sostible potenciando o uso de materiais e recursos naturais; a adecuación dos centros sanitarios para evitar perdas enerxéticas e a certificación sostible de centros sanitarios; así como optimizar os deseños de xardíns nos centros sanitarios; e accións dirixidas a minimizar o consumo de auga.

No segundo dos eixos, Residuos e pegada ambiental, as liñas estratéxicas serán a diminución dos gases de efecto invernadoiro; diminuír a xeración de residuos de papel e carbón e diminuír a utilización de plásticos; así como diminuír a xeración de residuos propios da actividade sanitaria.

No eixo tres, Ecodeseño de procesos, impulsarase o desenvolvemento tecnolóxico necesario para avanzar cara a un sistema circular; fomentaranse as colaboracións entre institucións e centros de investigación; reducirase a xeración de residuos dende o ecodeseño; e redeseñaranse os procesos sanitarios e non sanitarios para asegurar a súa transición á circularidade.

No eixo catro, investigación, innovación e investimento responsable, traballarase a prol do diagnóstico de necesidades para a procura de solucións sostibles innovadoras e na centralización de adquisicións e contratos, así como no desenvolvemento de proxectos de I+D+i, en colaboración coas universidades.

No eixo cinco, Comportamento social, desenvolveranse proxectos para promover un consumo responsable e sostible na cidadanía (pacientes, familiares, traballadores e provedores), así como proxectos de adherencia ao tratamento e de comunicación de forma efectiva referidos á sustentabilidade, ás vagas de calor ou de frío, ás pandemias, etc.

Entre as iniciativas en marcha está o Proxecto de Anestesia Sostible, que por alcance (rexional) e situación tecnolóxica non ten equivalente en Europa. Este proxecto pretende mitigar o impacto que os gases empregados na anestesia xeral inhalada teñen na pegada ambiental da actividade sanitaria.


 
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde