O 061 DE GALICIA ACONSELLA PRECAUCIÓN CO CONSUMO DE ALCOHOL, A CONDUCIÓN E O LUME DAS FOGUEIRAS DURANTE A NOITE DE SAN XOÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 06 2023
 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, recomenda ter precaución co consumo de alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da Noite de San Xoán.

Un ano máis, a Central de Coordinación do 061 reforza o seu persoal na franxa horaria na que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico e as queimaduras producidas no ámbito das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

No caso de celebrar a tradicional festividade das fogueiras de Xan Xoán é importante seguir os seguintes consellos:

En primeiro lugar, as fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume, se debe evitar que os nenos se acheguen ás fogueiras e extremar as precaucións.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria, para evitar que as chamas e o fume se dirixan cara vostede e así non sufrir lesións por lume e inhalación de fumes.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e móvase ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2022

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na Noite de San Xoán do pasado ano 69 intoxicacións etílicas ou por drogas, cinco accidentes de tráfico con cinco persoas implicadas, e catro queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 21,00 horas do xoves 23 de xuño ata as 9,00 horas do venres 24 de xuño.

A Coruña con 39 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguida de Pontevedra con 21, Ourense con cinco e Lugo con catro. Para asistir as 69 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou dúas ambulancias asistenciais de SVA e mobilizou en 43 ocasións as ambulancias asistenciais de SVB. Das 69 persoas atendidas, 36 non requiriron traslado, 10 foron trasladadas ao centro de saúde e 23 ao hospital.

As queimaduras atendidas polo 061 en toda a Comunidade galega foron catro. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu na Coruña tres casos e un en Pontevedra. Do total dos pacientes, un foi atendido polos sanitarios da Central de Coordinación sen necesitar traslado, outro paciente foi atendido no punto e trasladado a atención primaria e dous foron trasladadas a un centro hospitalario.

No caso dos accidentes de tráfico, asistíronse cinco persoas en cinco accidentes de tráfico. A Coruña rexistrou tres accidentes e Pontevedra dous. Do total de persoas atendidas, tres foron trasladas a un hospital e dúas asistíronse no punto sen requirir traslado a un centro sanitario.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde