​SANIDADE COLABORA NO ESTABLECEMENTO DUNHA REDE DE FONTES DE AUGA CON GARANTÍA SANITARIA NO CAMIÑO INGLÉS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 06 2023
 

A subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde da Consellería de Sanidade, Inés Mato Naveiras, inaugurou hoxe unha xornada técnica para o fomento de fontes públicas, e no marco da que tamén se deron a coñecer os resultados do Proxecto Life Water Way, centrado na recuperación de fontes de auga naturais e garantir o abastecemento de auga potable ao longo do Camiño de Santiago Inglés. 

En concreto, a actuación centrouse en dotar o trazado dunha rede piloto formada por 28 fontes de auga segura para o consumo humano, de modo que o peregrino poida encher unha cantimplora de medio litro con certa periodicidade, aproximadamente cada 6 km. Trátase de mellorar a calidade da auga de consumo humano cun novo concepto de fontes públicas, garantir a súa calidade sanitaria, e en definitiva, repercutir directamente na saúde das persoas que realizan o camiño. Con esta iniciativa mitígase o impacto ambiental derivado do consumo de auga embotellada nas sendas naturais e itinerarios culturais europeos. 

Neste proxecto europeo participaron o Concello de Abegondo, a Consellería de Sanidade, Augas de Galicia, a Deputación da Coruña, a Asociación de desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, e enmárcase no Proxecto LIFE que é o instrumento da Unión Europea para o desenvolvemento de accións sobre o medio ambiente e o clima. O acto tamén contou coa presenza de Gustavo Quindimil, concelleiro de actividades físicas na natureza e para a saúde do concello de Abegondo, Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia, Juan Luis Sobreira,  director da División de Innovación aberta do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e  Ildefonso de la Campa, director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo.

Á Consellería de Sanidade lle correspondeu, nesta iniciativa, accións de monitorización recollidas no Plan de seguimento para a medición do impacto do proxecto sobre a calidade da auga das fontes naturais, que se levaron a cabo no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

Das conclusións dadas a coñecer na xornada despréndese que a rede de fontes do Camiño Inglés foi moi ben acollida polo usuarios cunha valoración promedio de 4,4 sobre 5, conforme a unha enquisa de satisfacción realizada entre usuarios da mesma entre o mes de maio e xuño deste ano. 

No caso das fontes conectadas a redes municipais de abastecemento controlado, un total de 25, a auga subministrada cumpriu cos parámetros de calidade establecidos na normativa sanitaria, se ben interrompeuse, de forma momentánea, o servizo en tres delas ao superar algún valor paramétrico, e procedendo a informar aos responsables dos sistemas de abastecemento afectados, restablecéndose o servizo da fonte despois da corrección do citado incumprimento.

Respecto das fontes naturais con tratamento de potabilización, un total de tres, a auga subministrada cumpriu cos parámetros de calidade establecidos na normativa sanitaria e quedou demostrada a eficacia do prototipo de tratamento de potabilización desenvolvido no marco do proxecto.

Protección da saúde

Tal e como remarcou Inés Mato no acto de hoxe, dende a Dirección Xeral de Saúde Pública prestouse sempre unha especial atención a todas aquelas iniciativas que se aliñaban con promover o acceso a un subministro de auga de consumo de calidade e en cantidade suficiente, co obxectivo de protexer a saúde das persoas dos efectos adversos derivados de calquera tipo de contaminación das augas de consumo, garantindo a súa salubridade e limpeza.

A Dirección Xeral de Saúde Pública xa participou anteriormente en outros proxectos europeos no campo das augas de consumo humano como o Proxecto Life, referido a solucións sostibles para pequenas redes de abastecemento; ou o Norwater, sobre contaminantes emerxentes nas augas de Galicia-Norte de Portugal.

Para rematar a súa intervención, Inés Mato reiterou o seu recoñecemento a todos os participantes neste proxecto, socios, técnicos e demais persoal, así como aos 18 concellos que se sumaron a esta iniciativa.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde