​COMESAÑA LAMENTA A INACCIÓN DO MINISTERIO DE SANIDADE ANTE OS PROBLEMAS URXENTES QUE POSÚE O SISTEMA SANITARIO NACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 06 2023
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta tarde na xuntanza Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, un encontro no que se aprobou o fin da crise sanitaria provocada pola covid-19, e onde ademais se estableceron as novas recomendacións -que non obrigatoriedade- do uso da máscara para os casos das persoas sintomáticas -ou sospeitosos-, os profesionais que as atenden, os servizos de urxencias de atención primaria e hospitalaria, así como para aquelas persoas que traballan en certas unidades hospitalarias, como poden ser as UCI, ou outras áreas nas que haxa persoas vulnerables.

O máximo responsable sanitario da Xunta puntualizou que Galicia sempre se mantivo aliñada coas decisións adoptadas polos expertos e a evidencia clínica, trasladando a posición favorable de Galicia en canto as recomendacións que xa trasladará hai mes e medio a Ponencia de Alertas sobre o uso da máscara. Xa que logo, queda suprimida a súa obrigatoriedade nos centros de saúde (recoméndase nas urxencias) e tamén no caso das  farmacias.

Tras a reunión, Comesaña lamentou o tempo perdido polo Ministerio Sanidade durante os últimos seis anos, no que o carácter provisional dos seus cinco ministros derivou en que non se asentasen proxectos efectivos e transformadores para o conxunto da Sanidade española.

Así, salientou que malia que o groso das competencias sanitarias están en mans das comunidades, o Goberno central mantívose nunha actitude de inacción, obviando dous dos seus roles fundamentais: a coordinación dos sistemas de saúde para asegurar unha estratexia nacional de prevención de enfermidades, e a xestión da ordenación e formación do persoal sanitario, para asegurar os cadros de persoal dos sistema de saúde autonómicos.

“Terminamos a lexislatura sen un novo sistema de vixilancia epidemiolóxica, sen crear a Axencia de Saúde Pública, e sen modernizar a lexislación para o control de enfermidades infecciosas”, precisou.

Nesta liña, e ante o principal problema que ten o sistema sanitario nacional, criticou que durante o presente mandato tampouco se reformasen os criterios de acreditación das unidades docentes, que siga sen estar en vigor a nova especialidade de Medicina de Urxencias, ou que o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios aínda non sexa totalmente operativo.

“O Goberno de España esmerouse en exercer de comentarista da xestión sanitaria dalgúns gobernos autonómicos, mentres desatendía completamente as súas competencias” concluiu o máximo reponsable da Sanidade galega, quen agarda que “o Goberno estatal que saía do vindeiros comicios sexa quen de convocar ás comunidades para debatir os retos e as solucións urxentes que precisa o Sistema Nacional de saúde”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde