A XUNTA INVISTE 7 MILLÓNS ANUAIS NA FUNDACIÓN GALEGA DE MEDICINA XENÓMICA, O DOBRE QUE AO INICIO DA LEXISLATURA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 06 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe que, dende o ano 2020, a Xunta duplica os fondos anuais que destina á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, pasando dos 3,4 millóns de euros aos 7 que están aprobados para este ano no último contrato-programa que autorizou o Consello da Xunta e polos orzamentos. Así o subliñou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, no transcurso da visita do ministro de Sanidade, José Miñones Conde, ás instalacións desta Fundación.

Comesaña destacou, tamén, na súa intervención, o papel que a Xunta lle outorga a esta Fundación dentro das grandes iniciativas estratéxicas que está a desenvolver a Consellería de Sanidade. Así, esta institución colabora no Plan de Saúde Mental de Galicia coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos para contribuír a axustar doses e evitar reaccións adversas.

Ademais, Xenómica está na Estratexia Galega para as Enfermidades Raras, coa máxima colaboración nos procesos de detección precoz como o programa de cribado neonatal e, xunto ao anterior, é parte fundamental da Estratexia de Oncoloxía de Precisión, recentemente aprobada, que vai permitir avanzar nun catálogo de biomarcadores esenciais para personalizar diagnósticos e tratamentos.

O conselleiro dixo que Galicia quere utilizar o seu potencial na medicina xenómica para participar en proxectos externos. Así, o director da Fundación, o doutor Carracedo, foi elixido para coordinar o programa IMPaCT de infraestrutura para medicina de precisión. Ademais, a nivel europeo, Galicia, a través da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), é a única rexión española que forma parte do Proxecto Regions4PerMed, que busca promover e acelerar o uso da medicina personalizada en toda Europa.

Tamén a Xunta consolidou a estrutura de recursos humanos da Fundación, coa convocatoria dun proceso de estabilización de 25 prazas públicas.

Especialidade de xenética clínica

O responsable do Sergas valorou que o ministro de Sanidade quixera achegarse a coñecer como traballa esta Fundación da Xunta, porque Sanidade considera que a Xenómica debe marcar algunhas tarefas que ten por diante o Goberno de España. Entre esas tarefas do Goberno Central están o impulso da creación da especialidade de xenética clínica, que Galicia xa reclamou e que Sanidade cre que debe ter no Ministerio ao seu principal promotor. 

Outra das tarefas é a aprobación definitiva dunha folla de ruta nacional sobre medicina personalizada. Trátase dun compromiso dende 2020. A terceira das tarefas pendentes do Goberno de España é contar cunha verdadeira carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde en materia de xenética.

Sanidade agarda que, na vindeira lexislatura, se completen estes obxectivos e ofreceu a colaboración do doutor Carracedo e de todo o equipo da Fundación para colaborar nestes temas.

Aposta da Xunta pola investigación

A Xunta vai seguir apostando por esta Fundación e pola investigación sanitaria en xeral, cun incremento nos orzamentos deste ano dun 9% dos fondos para investigación sanitaria e coa integración das tres fundacións galegas de investigación biomédica nos sector público autonómico, así como consolidando o financiamento de sete millóns de euros ano ano para esta Fundación.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde