O PROGRAMA DE DETECCIÓN DA HEPATITE C COMEZA NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 06 2023

​A Área Sanitaria de Ferrol comeza a ofrecer a detección de hepatite C ás persoas de 50 e 59 anos que acudan ao seu centro de saúde, e teñan indicada a realización dunha analítica por calquera outro motivo. O obxectivo é detectar casos de infección pola hepatite C nun dos grupos de idade onde a prevaleza é maior, e moitas veces pode pasar desapercibida.

Coa coordinación da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Servizo Galego de Saúde, este actuación comenzouse a pilotar en xaneiro nos centros de atención primaria da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Nesta área, xa se realizaron máis de 12.000 determinacións, que permitiron a detección de 10 casos de hepatite C. Desde entón, xa se implantou o programa nas áreas da Coruña, Lugo e Pontevedra, analizándose case 24.000 mostras e diagnosticándose 27 casos de infección activa polo virus da hepatite C.

Para o desenvolvemento deste cribado empréganse actuacións innovadoras e facilitadoras que simplifican e fan que todo o proceso sexa moito máis eficiente, como a integración automática da petición da proba para as persoas que cumpran os criterios, ou a análise mediante a agrupación de mostras de cen en cen, tamén coñecida como pooling. Os casos positivos derívanse con celeridade para a súa atención e inician o tratamento nun prazo máximo de 21 días.

Esta iniciativa estenderase ás áreas de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e á de Vigo nas próximas semanas, para así ofrecerlle este cribado a toda a poboación de Galicia. De igual xeito, iranse ampliando tamén os grupos de idade nos próximos anos: no ano 2024, ofertaráselle ás persoas de 60 a 69 anos; e, no 2025, ás de 40 a 49 anos, para cubrir as idades onde hai unha maior prevaleza da enfermidade segundo reflicten os estudos científicos.

Xustificación

A hepatite C é unha das causas máis importantes de enfermidade hepática crónica en todo o mundo e coñécese como a “pandemia silenciosa”, debido á súa prevalencia e a que pode pasar desapercibida polo paciente pero, a longo prazo, pode ter consecuencias importantes sobre a súa saúde, evolucionando a hepatite crónica, cirrose hepática ou cáncer de fígado.

Non existe unha vacina eficaz contra o virus da hepatite C, polo que resulta moi importante realizar un labor de prevención para reducir o risco de exposición ao virus (a transmisión por vía sanguínea é a principal vía de adquisición da infección, seguida pola transmisión por vía sexual), así como fomentar a detección precoz da enfermidade, polo que o obxectivo deste proxecto é dobre: evitar a progresión da enfermidade a nivel individual e evitar a transmisión a nivel colectivo.

Os tratamentos actuais cos chamados antivirais de acción directa logran a curación en máis do 95% das persoas tratadas. Pero é unha enfermidade silenciosa, que adoita diagnosticarse cando a afectación hepática está avanzada, polo que resulta moi importante fortalecer as estratexias de detección precoz da enfermidade.

Estímase que case o 30% das persoas que teñen a infección activa o descoñecen, e que a maior parte dos casos atópanse no grupo de idade de 40 e 69 anos, motivo polo cal se está implantando en toda Galicia o protocolo de detección da infección nesta poboación. Isto farase dun modo secuencial co seguinte esquema temporal:

Ano 2023: captación do grupo da cohorte de nacemento 1964-1973.

Ano 2024: captación do grupo da cohorte de nacemento 1954-1963.

Ano 2025: captación do grupo da cohorte de nacemento 1974-1983.

Expertos da Asociación Española para o Estudo do Fígado sinalan que o cribado universal por idade é a vía para eliminar a hepatite C. Sen embargo, só tres comunidades de España, Cantabria, Andalucía e Galicia, teñen a idade como criterio para cribar os pacientes, coa particularidade de que en Galicia vaise realizar de xeito automatizado e mediante o proceso de pooling xa comentado, o que permitirá chegar ao maior número de poboación posible.

Isto supón un avance importante en materia de cribado, ao incorporar unha liña estratéxica que vai máis alá das recomendacións formuladas polo Ministerio de Sanidade, centradas principalmente nos grupos de poboación con factores de risco.

Marco

Este programa enmárcase na “Estratexia de eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia”, que ten como obxectivos a redución da morbilidade e mortalidade asociadas a esta enfermidade e a súa eliminación entre a poboación galega, a través da prevención da infección, a súa detección, a vixilancia epidemiolóxica, o tratamento e a formación e investigación.

Esta Estratexia consta de 5 grandes eixes e 13 liñas estratéxicas, que abordan os seguintes aspectos:

 • Vixilancia epidemiolóxica: co obxectivo de cuantificar a magnitude actual do problema, describir as características epidemiolóxicas dos pacientes con hepatite C e a súa evolución ao longo do tempo.

 • Prevención primaria e de promoción da saúde: co obxectivo de reducir a incidencia da infección, mediante a redución do risco de exposición ao virus da hepatite C.

• Prevención secundaria: coa finalidade de detectar e tratar o máis precozmente posible as infeccións xa existentes.

 • Facilitación do diagnóstico e a instauración do tratamento fronte a esta enfermidade sen demora.

 • Fomento da formación e da investigación no ámbito da hepatite C.

Isto fai que, actualmente, a estratexia que seguirá Galicia para acabar coa hepatite C como problema de saúde pública sexa única e modelo para outras rexións do mundo. Ademais, vai posibilitar adiantar ao ano 2026 a consecución dos obxectivos propostos pola Organización Mundial da Saúde para o ano 2030, da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os da Alianza para a Eliminación das Hepatites Víricas en España.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde