​COMESAÑA DESTACA A CALIDADE DA DOCENCIA IMPARTIDA NO CENTRO DE FORMACIÓN PROFESIONAL POVISA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 06 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de titulación de técnicos superiores do Centro de formación profesional Povisa, a docencia e a formación que nel se imparte. Segundo sinalou o titular da carteira sanitaria, “ao longo de 18 anos que impartín clase tería a oportunidade de formar preto de 350 alumnos e, nese tempo, puiden comprobar que un dos motivos polos que este centro é referente en Galicia ten que ver coa profesionalidade e excelencia dun importante grupo humano”. 

“Á hora de formar futuros profesionais non só o facedes transmitindo coñecementos teóricos, senón que aportades valores éticos, imprescindibles para desempeñar esta profesión”, dixo o responsable do Sergas no acto, no que estivo acompañado polo xefe  territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.​

O conselleiro remarcou que o ciclo de Anatomía patolóxica comezou a impartirse no curso 95-96 e os de Imaxe e Radioterapia no 98-99 e, este último foi, durante moitos anos, un dos únicos de España onde se impartía a especialidade. De feito, -proseguiu Comesaña-, a maioría dos técnicos, non só de Galicia, tamén de Asturias, León ou Cantabria, proceden desta Escola.

Comesaña sinalou que o modelo de FP é único en Galicia, “xa que a relación tan intensa que mantén o centro co hospital permite que os profesores sexan, na súa maioría, profesionais especialistas en cada unha das titulacións que se imparten e que as prácticas poidan realizarse no propio hospital”.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro felicitou ao corpo directivo e aos responsables da Escola polos éxitos acadados e aos alumnos pola titulación conseguida.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde