UN TOTAL DE 188 PERSOAS REXISTRARON AS SÚAS INSTRUCIÓNS PREVIAS NA ÁREA SANITARIA DE FERROL DURANTE O PASADO ANO 2022
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2023

​Un total de 188 profesionais da Área Sanitaria de Ferrol rexistraron as súas instrucións previas na Área Sanitaria de Ferrol durante o pasado ano 2022. Sobre todo o relativo a estas instrucións previas falaron a integrante do Comité de Ética Asistencial e especialista en Alergoloxía, Mónica Castro Murga; a traballadora social do Centro de Saúde de Pontedeume, María de la O Fresco Torrente; e a residente de Medicina Familiar e Comunitaria, María Andrade Carpente, nunha sesión clínica xeral, o pasado venres no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Estas profesionais destacaron o carácter multidisciplinar da sesión Camiño á decisión: Instrucións previas, que abrangueu tanto a parte documental como o contexto legal, a orixe e tódalas accións relacionadas con este acto da instrución previa, e o propio acto de rexistro.  O obxectivo da sesión era lembrar ós profesionais o proceso para que podan tamén “acompañar” ó paciente nas súas decisións sobre este documento “dinámico e revogable”, “un camiño no que tes que ir tomando decisións sobre o teu proceso asistencial e vital”. Xunto con isto, que “os profesionais esteamos preparados e formados, e que a poboación saiba que pode reflexionar sobre o que quere para o final da vida”.

Formado e informado para poder decidir neste camiño

As instrucións previas son un documento -regulado por lei- mediante o que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro, e o destino final do seu corpo, coa fin de que esta vontade sexa respectada cando xa non teña capacidade para manifestala. Neste documento a persoa tamén pode designar un representante que será o que actúe como interlocutor co equipo sanitario, cando a persoa sexa incapaz.

Estas profesionais incidiron en todo o que hai ó redor da instrución previa esteas ou non xa ante unha situación de gravidade. O importante é ter sido informado polo profesional das evolucións previsibles da súa enfermidade, e tras recibir esta información, e tras un proceso de reflexión, coa axuda familiar ou dun profesional, decide deixar constancia expresa dos seus desexos e eleccións persoais, sobre ata onde quere chegar no tratamento da enfermidade.

O obxectivo fundamental das Instrucións Previas é que os desexos do paciente sexan respectados, cando xa ten perdida a súa capacidade para expresalos. Xunto con isto, son unha guía para os profesionais na toma de decisións. Subliñaron os contidos mínimos que debe ter como os valores persoais, o destino final do corpo, as preferencias sanitarias e a designación dun representante ou interlocutor para que vele polo cumprimento do mesmo.

Calquera persoa maior de idade pode realizar un documento de Instrucións Previas; e, para isto, existen uns formularios elaborados por un equipo multidisciplinar do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, que están tanto no enderezo web da Área Sanitaria como no do Servizo Galego de Saúde. O documento deberá formalizarse ante tres testemuñas maiores de idade, dúas delas sen vínculo de parentesco, de matrimonio ou de carácter patrimonial; ante os profesionais dos rexistros; ou tamén pode facerse ante notario sen necesidade de testemuñas. 

Onde podes rexistralas

Unha vez redactado, é moi conveniente rexistralo ademais de dalo a coñecer ó representante e á familia, e facelo incluír na Historia Clínica. A finalidade deste Rexistro é facilitar o coñecemento sobre a existencia deste documento, e favorecer a súa consulta unha vez que se produce unha situación na que haxa que telo en conta. Existen rexistros autonómicos e un rexistro nacional que ten como finalidade a eficacia dos documentos de instrucións previas en calquera punto do territorio nacional. 

En Galicia, existe o Rexistro Galego de Instrucións Previas, o REGAIP; e, na Área Sanitaria de Ferrol, pódense rexistrar os documentos na Unidade de Atención ao Paciente, e nos centros e saúde de Fene e Pontedeume, segundo explicaron estas profesionais durante a sesión. En calquera momento a persoa interesa pode revocar ese documento deixando por escrito a súa vontade. “Isto debe ser un proceso e non un simple documento”, subliñaron.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde