O ÁLVARO CUNQUEIRO CELEBRA 8 ANOS DE CRECEMENTO IMPARABLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2023

​ 


Hoxe hai 8 anos que o Hospital Álvaro Cunqueiro abrira as súas portas e atendera ao primeiro paciente. Neste tempo, o hospital experimentou un imparable crecemento tanto na súa actividade asistencial como nos seus recursos técnicos e humanos,  que fixeron posible a introdución de maiores prestacións e técnicas innovadoras na carteira de servizos hospitalaria.  

Cabe subliñar que, ao rematar o ano, o hospital superará as 100.000 intervencións cirúrxicas, cifra que constitúe todo un reto para un hospital con tan pouco tempo de vida. No referido á actividade asistencial, a día de hoxe os seus profesionais levan realizados 265.000 ingresos; 97.000 intervencións cirúrxicas; 1.400.000 urxencias e 3 millóns de consultas externas; ademais de traer ao mundo a 26.500 bebés. 

Segundo afirma o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente  “a realidade é que, en menos dunha década, este hospital acadou un elevado posicionamento nacional e un liderado xa consolidado na sanidade publica española. E todo isto foi posible grazas á firme aposta do Servizo Galego de Saúde por este centro hospitalario, potenciando o seu crecemento estrutural e tecnolóxico e, sobre todo, ao traballo colaborativo dos profesionais”.

Revolución tecnolóxica e novos equipos de imaxe diagnóstica

Ademais das cifras de actividade, hai que subliñar a revolución tecnolóxica que supuxo a posta en marcha deste hospital que veu da man de novos equipos como os da área cirúrxica -TC Intraoperatorio, quirófano híbrido ou o equipo DaVinci de cirurxía robotizada-, e que colocaron ao centro hospitalario á vangarda de determinados procedementos e tratamentos cirúrxicos. Do mesmo xeito, a dotación tecnolóxica do  laboratorio de Microbioloxía converteuno en referencia nacional na loita fronte ao Covid. 

Neste contexto, cabe subliñar tamén os equipos de alta tecnoloxía de imaxe diagnóstica, que acaban de renovarse e ampliarse na Área Sanitaria de Vigo, cun investimento total de máis de 13 millóns de euros.

En concreto, no Álvaro Cunqueiro xa están funcionando os 3 novos TACs, un novo equipo de anxiografía vascular, 1 nova sala de hemodinámica, e a vindeira semana iniciará o seu funcionamento a nova Resonancia Magnética Nuclear.

Máis servizos sanitarios para a cidadanía

O hospital continúa imparable, e segue crecendo e desenvolvendo novas potencialidades. Neste senso, a Xunta está a realizar un investimento en obras e adquisición de equipamento, por un importe de 5,3 millóns de euros. Así, este ano realizáronse varias  actuacións de reforma na infraestrutura para proceder á habilitación de espazos para novas unidades que mellorarán a atención en áreas como a saúde mental, a cardioloxía, a hospitalización a domicilio, a anatomía patolóxica, a atención ás enfermidades raras, a atención ambulatoria ou a cirurxía maxilofacial.

Cabe subliñar que, no último trimestre deste ano, estará operativa a nova Área de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, en cuxas obras estase investindo 1,3 millóns de euros. A nova unidade, que será  referencia para o sur de Galicia, contará con 12 camas, e será atendida por 20 profesionais de distintas categorías sanitarias

A nova Unidade Funcional Multidisciplinar de Enfermidades Raras tamén iniciará o seu funcionamento tras o verán.  A obra, na que a Xunta investiu  máis de 150.000 euros, dotou a esta Unidade cun espazo propio no que desenvolverá a súa actividade o equipo de profesionais composto por un especialista de medicina interna, unha pediatra e unha enfermeira.

A nova Unidade de Necropsias tamén rematará tras o verán. Nesta obra, realizouse un investimento de 454.000 euros, co obxecto de que os profesionais de anatomía patolóxica poidan practicar en Vigo necropsias de nivel de protección 3. 

Ademais, tamén están en diferentes fases de licitación os proxectos e obras das novas  Unidades de Rehabilitación Cardíaca; de Hospitalización a Domicilio, do hospital de Día Médico  e de Cirurxía Maxilofacial  (esta última localizarase no Hospital Meixoeiro).

Aposta pola Docencia e Investigación

Nestes anos, o Álvaro Cunqueiro converteuse nun hospital atractivo para os futuros profesionais da sanidade, que elixen Vigo para a súa formación. No momento actual, o hospital ten en formación a preto de 1.700 persoas, entre residentes e estudantes de distintas disciplinas sanitarias.  

No referido á Investigación, é necesario lembrar que o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur acadou un obxectivo que hai 8 anos era impensable, a certificación do Instituto Carlos III, a máis prestixiosa acreditación que se outorga en España a un centro de investigación sanitaria. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde