A XUNTA PRESENTA NA COMISIÓN DE RECURSOS HUMANOS DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE A MAIOR OFERTA DE PRAZAS DE FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA DA HISTORIA DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa, presentaron hoxe, ante a Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, a oferta de prazas de formación sanitaria en Galicia para o exercicio 2023-24. 

Nesta convocatoria, o Servizo Galego de Saúde presentou a maior oferta feita ata o de agora na nosa comunidade, con 638 prazas, 18 máis que na oferta do ano 2022. Esta oferta finánciase integramente con recursos da Comunidade Autónoma de Galicia, o que supón un investimento anual de 70 millóns de euros.

Un ano máis, a comunidade galega continúa a incrementar o número de prazas ofertadas respecto da anterior convocatoria, consolidando a oferta do 100% das prazas acreditadas en especialidades como Medicina Familiar e Comunitaria, Pediatría, Medicina Interna, Psiquiatría, Psicoloxía Clínica ou Enfermería especialista en saúde mental.

Deste xeito, a Xunta consolida o incremento de prazas para a formación de especialidades MIR relacionadas co ámbito da Atención Primaria, así como tamén mantén a súa aposta por convocar o 100% das prazas acreditadas nas especialidades vencelladas á Saúde Mental.

Os representantes do Goberno galego solicitaron ao Goberno de España a inclusión nesta vindeira oferta de prazas da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, cuxa creación foi recentemente acordada. A proposta galega buscaba acurtar prazos, incluíndo xa as prazas formativas desta especialidade (da que Galicia podería ofertar preto dunha vintena) mentres remata a tramitación do programa formativo, coa intención de que os residentes desta especialidade poidan comezar a formarse canto antes. A negativa por parte do Ministerio de Sanidade a esta fórmula supón que, aínda que a especialidade se cree e regule este ano, os primeiros residentes da mesma non se poidan comezar a formar ata 2025, rematando no ano 2029.

A presente oferta de prazas para a convocatoria de probas selectivas 2023, e para o acceso no ano 2024, vai dirixida ás titulacións universitarias de Grao/Licenciatura/Diplomatura de Medicina, Farmacia, Enfermería e ámbito da Psicoloxía, Química, Bioloxía e Física.

 Cómpre destacar que na convocatoria 2023/24 tamén se ofertan o 100% das prazas acreditadas nas especialidades de Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Estética e Reparadora, Endocrinoloxía e Nutrición, Xeriatría, Inmunoloxía, Neurocirurxía, Neurofisioloxía Clínica, Oncoloxía Radioterápica; Radiodiagnóstico, Radiofísica Hospitalaria; Enfermería do Traballo, Enfermería Pediátrica e Enfermería Xeriátrica.

Por outra banda, na devandita convocatoria a comunidade galega obtivo a acreditación de 13 novas prazas formativas, cuxos destinos serán os centros sanitarios das áreas de Vigo, Ferrol, Santiago-Barbanza, A Coruña-Cee, e Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Sobre este particular, a Xunta pon en valor o importante labor dos profesionais que colaboran coa docencia, pois o esforzo de xefes de estudo, titores e colaboradores docentes é imprescindible para que poida manterse unha alta calidade na formación dos especialistas.

Propostas para contar con máis prazas formativas

A Xunta de Galicia continúa a facer un esforzo para incrementar a capacidade de formación de especialistas, uns profesionais precisos para prestar uns servizos sanitarios de calidade.

Así, o Servizo Galego de Saúde financiará o 100% destas prazas con cargo aos seus orzamentos e, no presente ano,  destinará unha partida de 69 millóns de euros, para o seu programa de formación de graduados e postgraduados.

Con todo, desde Galicia séguese a instar ao Ministerio de Sanidade na adopción de novas medidas que contribúan a poder formar máis especialistas durante os vindeiros anos.

En concreto, solicitando a mellora do sistema de selección para evitar que resulten prazas vacantes despois da resolución da convocatoria, eliminando as rixideces do sistema de elección electrónica das prazas, e evitando que a nota de corte no exame impida que médicos que aspiran a algunha das prazas convocadas queden sen posibilidade de elección mentres existan prazas sen cubrir. 

Ou permitindo que a convocatoria anual poida incrementarse de xeito sobrevido se as comunidades autónomas logran acreditar novas prazas no tempo que vai desde a publicación da convocatoria ata o acto de elección, evitando ter que agardar un ano completo para incorporar estas novas prazas.

Así mesmo, ínstase a realizar modificacións no procedemento e os criterios de acreditación de prazas para a súa flexibilización, sobre todo nas especialidades deficitarias. Un compromiso do Ministerio adquirido nun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do ano 2018, e que segue sen levarse a cabo, impedindo que se poida variar a oferta que se fai nestas especialidades.

Por último, tamén se solicitou ao Goberno central que dote de operatividade o Rexistro estatal de profesionais, o que permitiría a planificación das convocatorias de xeito global, para todo o Sistema Nacional de Saúde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde