O SERGAS PUBLICA A RELACIÓN PROVISIONAL DE ADMITIDOS E EXCLUÍDOS NO EXERCICIO DE LINGUA GALEGA DO CONCURSO-OPOSICIÓN PARA O INGRESO EN 54 CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 06 2023

O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio da lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en 54 categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Ofértanse un total de 2.211 prazas mediante o sistema de concurso oposición, das cales 1.108 corresponden á quenda de acceso libre, 939 a promoción interna, 121 a discapacidade xeral e 43 a discapacidade intelectual. 

Estas 2.211 prazas engádense ás 1.556 prazas ofertadas na categoría de enfermería, da que xa se realizou o exame da fase de oposición o pasado domingo, e as 1.808 prazas ofertadas mediante o sistema de concurso de méritos para un total de 97 categorías de persoal estatutario.

Resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 37.728 aspirantes e foron excluídos o 9,8 % dos profesionais inscritos. As categorías con maior número de aspirantes admitidos son:  técnico en coidados auxiliares de enfermería (9.342), celador (7.952) e Grupo auxiliar da función administrativa (7.487).

En canto ás persoas admitidas por estamentos, resultan os seguintes datos: 2.421  admitidos son persoal licenciado sanitario, 13.165 aspirantes son persoal sanitario diplomado e de FP e 22.142 persoas admitidas corresponden ao estamento de persoal de xestión e servizos.

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos, non exentos do exercicio de lingua galega ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles, o prazo remata o 14 de xullo, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Redución da taxa de temporalidade 

Nestes procesos de concurso-oposición inclúense prazas da oferta ordinaria dos anos 2019 a 2022 e tamén da oferta de estabilización do persoal temporal aprobadas polo Decreto 81/2022, do 25 de maio, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Como novidade neste proceso selectivo, para superar o exercicio eliminatorio da fase de oposición, a persoa aspirante debe obter o 35 % da puntuación máxima alcanzable nesta proba. Na fase de concurso, a valoración da experiencia profesional representa o 70 % da puntuación total da fase de concurso, asignando a maior puntuación á experiencia profesional na mesma categoría.

Actualmente están en desenvolvemento os procesos selectivos para un total de 105 categorías de persoal estatutario, mediante procesos de concurso de méritos e concurso oposición que permitirán a incorporación de 5.585 profesionais como persoal fixo.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde