RETÓMANSE AS SESIÓNS PRESENCIAIS PARA COÑECER TODO O RELACIONADO CO PLAN DE PARTO NA ÁREA FERROLÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 06 2023

​As mulleres embarazadas e os seus acompañantes poden acudir de novo de xeito presencial ás sesións deseñadas especialmente para elas no Plan de Parto e Nacemento da Área Sanitaria de Ferrol. Neste encontro, achéganse a todo o relacionado co seu proceso de parto e o nacemento nunha sesión informativa impartida polos profesionais implicados neste eido. Estas xuntanzas teñen lugar tódolos últimos martes de cada mes, e este martes retomábase a presencialidade coa sesión impartida por Laura Domínguez e Lucía Bolaños, residentes  de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (matrona). A vindeira sesión será o 26 de xullo, que é mércores ó coincidir o martes 25 día festivo.

Os e as profesionais da Área explican ás mulleres cun embarazo de entre 28 e 32 semanas os distintos aspectos recollidos no Plan. Ademais, amósanselle as instalacións a través de material visual ou presencial, segundo as circunstancias desa xornada; e os profesionais responden a calquera dúbida que teñan as nais e os seus acompañantes. Estas reunións teñen como obxectivo que as mulleres contacten co persoal sanitario, coa fin de presentar as instalacións do andar de Partos, Puerperio e Pediatría; e aclarar calquera dúbida sobre os protocolos asistenciais e a mecánica de traballo no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. 

Planificación de todo o relacionado co parto

O Plan de Parto e Nacemento é un documento consensuado cos profesionais que pretende, segundo indica o propio documento, “optimizar os recursos dispoñibles, intentando minimizar o impacto propio dun hospital e con actividade docente, tratando de facelo compatible co tipo de atención que a muller desexe, e das necesidades, preferencias e expectativas que manifeste na súa relación cos profesionais sanitarios”. Este documento inclúe diversas cuestións relacionados coa chegada ó Hospital, o período de dilatación, o período expulsivo ou de nacemento do bebé, o puerperio hospitalario, o instrumental do parto, e outras observacións, que se explican as futuras nais que o desexen nestas sesións.

O Plan reflicte aspectos relativos á participación activa da parella ou de acompañante no parto; ás necesidades especiais de cada muller; ó respecto á intimidade as súas preferencias, como pode ser o uso da súa propia roupa; todo o relativo á asistencia coidados e alimentación durante o período de dilatación; ó tratamento e manexo da dor; ó material de apoio ó parto; ás características propias do nacemento; á atención inicial ó recén nado, favorecendo o contacto pel con pel tralo nacemento; á lactación materna; ou á instrución dos aspectos fundamentais en relación coa hixiene do bebé, entre outras moitas cousas.

Información para estar preparadas

O proceso recollido neste Plan implica que, na semana 28 de xestación, as matronas do centro de saúde facilitan o documento ás mulleres; e entre a semana 28 e a 32 poden acudir ás sesións informativas como esta dos martes. Así, entre a semana 34 e 36, xa poden ir á consulta do Obstetricia e á propia relativa ó Plan de Parto co maior número de dúbidas aclaradas; e amosar xa as súas preferencias no seu plan persoal de parto. O documento tamén está accesible na páxina web da área sanitaria ferrolá.

A muller pode expresar así “as súas preferencias, necesidades, desexos e expectativas sobre todo o proceso de parto e nacemento”. Dispor desta información por escrito será de axuda para o equipo profesional que atende no momento do parto, facilitará a comprensión do proceso; e supón unha participación moi activa tanto da muller como da súa parella ou acompañante. Evitarase ter que comunicar as preferencias o día do parto, momento dun estado físico e emocional máis vulnerable. Este plan aplícase no desenvolvemento dun parto normal, e manterase sempre e cando non acontezan circunstancias que supoñan un risco para o estado de saúde da nai ou do seu fillo.

Facilítase así a relación de confianza e comunicación entre as mulleres e os profesionais  sanitarios durante o embarazo e o parto; á vez que promove e facilita a toma de decisións informadas por parte da muller embarazada. As mulleres contarán con toda a información e asesoramento que precisen por parte da profesional especialista responsable do seguimento do embarazo e do resto dos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde