COMESAÑA GABA O TRABALLO DOS PROFESIONAIS DO SERGAS E DA CONSELLERÍA DE SANIDADE QUE SITÚAN A GALICIA NA VANGARDA DA SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 06 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, na súa intervención no almorzo informativo que organiza Executive Forum España, que a Consellería de Sanidade ten por obxectivo “unha Galicia mellor, cos mellores profesionais, con máis especialistas, as mellores infraestruturas, a mellor tecnoloxía e  os mellores tratamentos”, e todo iso, ademais, co máximo respecto e coidado ao medioambiente, tal e como se recolle na Estratexia de Economía Circular do Sergas, que este mes foi aprobada polo Consello da Xunta.

No que atinxe á medicina e ás prestacións sanitarias, o conselleiro destacou que hai apenas dúas semanas, administrouse no Hospital Álvaro Cunqueiro un tratamento contra a Astrofia Muscular Espinal a un bebé de tan só tres semanas. Este tratamento “puidémosllo administrar tan pronto porque, grazas ao cribado, detectamos a alteración dun xen que levaría a este bebé a desenvolver en pouco tempo esta enfermidade”. Ao respecto, o titular da carteira sanitaria gabou o traballo exquisito dos profesionais de pediatría e farmacia do hospital vigués.

E como este, poderíamos falar, -incidiu Comesaña-, doutros cribados como o de pulmón, que axudará a sinalar a aqueles persoas que teñen máis predisposición de padecer a enfermidade. É dicir, localizar ao cidadán antes de que se converta en paciente. 

Tamén sinalou o conselleiro que o seu departamento está xa a incorporar ferramentas de intelixencia artificial co obxectivo de facilitar a toma de decisións no diagnóstico ou tratamento dos pacientes. Deste xeito, utilízase a información da experiencia clínica previa a través de sistemas de alertas e procesos dixitalizados que identifiquen patróns e axuden ao profesional. Esta é unha das liñas de actuación fundamentais do Plan estratéxico de Transformación e Saúde Dixital da Consellería de Sanidade 2023-2026,  tamén recentemente aprobado polo Executivo galego, e que está dotado dun orzamento de 200 M€. 

“O obxectivo é previr enfermidades, chegar a tempo, e se a enfermidade xa está en desenvolvemento, tratar aos nosos pacientes cos mellores profesionais, a mellor tecnoloxía e os mellores tratamentos”, -subliñou o conselleiro-.

Tamén presentamos a semana pasada o Programa de Innovación Precisaúde, centrado na Medicina 5P, cun enfoque vinculado á aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente, en función das súas características individuais.

Igualmente incidiu Comesaña nas grandes liñas de traballo do proxecto de innovación, PRECISAÚDE, co obxectivo de atopar solucións innovadoras que melloren o diagnóstico precoz e o tratamento de enfermidades como o cancro, os trastornos mentais ou a obesidade.

Doutra banda, o pasado mes de marzo, “asinamos o Protocolo para a posta en marcha da Unidade Cooperativa de Investigación en Terapias Avanzadas de Galicia”. Agardamos que o centro estea a funcionar xa en probas no último trimestre deste ano, para asegurar os máximos estándares de calidade. A unidade, -dixo o conselleiro-, desenvolverá novas terapias avanzadas “coa idea de que no futuro podamos incorporar eses tratamentos á carteira de servizos do centro e ofrecerllos despois aos pacientes do Sergas”.

Máis medidas

Pero seguimos avanzando en máis frontes, dixo o responsable do Sergas no almorzo informativo. Desde a Xunta, “xa iniciamos o procedemento urbanístico para a aprobación do proxecto do Centro de Protonterapia na contorna do Hospital Universitario de Santiago”. Esta técnica reduce de forma significativa tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.

De maneira paralela, e seguindo a Estratexia galega contra o cancro, “imos potenciar o Rexistro galego de tumores”. Un sistema de información cuxo obxectivo é recompilar toda a información sobre os tumores malignos diagnosticados na poboación de Galicia para dar resposta ás necesidades da xestión asistencial, a investigación, a planificación e a vixilancia epidemiolóxica.

Para terminar, Comesaña incidiu de novo “na importancia de investir en investigación, en tecnoloxía, en definitiva, en medios, tanto persoais como materiais”. Tamén recordou que o déficit de médicos de familia sigue a ser a principal preocupación do seu departamento, é o principal problema que temos todas as comunidades autónomas, e ao respecto recordoulle ao Ministerio as tarefas que ten pendentes para arranxar esta cuestión.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde