A XUNTA INVISTE 14,8 M€ NO SERVIZO DE MANTEMENTO DE EQUIPAMENTO DE ALTA TECNOLOXÍA DO SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2023
 

​O Goberno galego autorizou a contratación do servizo de mantemento integral e evolutivo dos equipos de alta tecnoloxía da marca SIEMENS instalados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde, por un importe de 14.844.357 euros, para un período de catro anos. 

 

Dada a continua evolución das ferramentas de adquisición e procesado de imaxe, así como aos posibles problemas de ciberseguridade derivadas da non actualización periódica do hardware e software, no novo contrato esténdese a cobertura para os equipos con plataformas actualizables, a un mantemento evolutivo. Esta modalidade de servizo técnico permite incorporar todos os desenvolvementos que se produzan ao longo da vixencia do contrato para os equipos cubertos. Deste modo, garántese contar, en todo momento, co equipamento plenamente actualizado ata a finalización do contrato, prolongándose así a súa vida útil e pospoñendo, por tanto, a necesidade de substitución. 

Os equipos de alta tecnoloxía incluídos neste contrato son un total de 54 da marca  SIEMENS das seguintes modalidades: resonancias magnéticas, equipos de tomografía axial computarizada, equipos de radioloxía intervencionista, equipos de cardioloxía intervencionista, equipos SPECT, equipos PET, equipos de radioloxía dixital e, en xeral, todas as modalidades de equipamento de alta tecnoloxía médica deste fabricante que, polas súas especiais características, só podan ser mantidas e actualizadas polo fabricante.

Mantemento centralizado

Desde o ano 2013, a contratación do mantemento do equipamento de alta tecnoloxía contrátase  de forma centralizada, de maneira que existe unha gran homoxeneidade na xestión deste equipamento en toda a organización, facilitando moito a planificación das actualizacións e renovacións e, en xeral, a xestión do ciclo de vida da alta tecnoloxía.

Sanidade remarca que o equipamento de alta tecnoloxía médica é considerada unha das variables clave que inflúen de forma decisiva na calidade do proceso asistencial. Trátase dun dos elementos fundamentais na cadea de diagnóstico e da terapia que posibilita unha correcta asistencia sanitaria en tempo e forma. Así pois, o mantemento deste equipamento é esencial para garantir a seguridade dos pacientes e os profesionais que o utilizan.

Sinalar que, recentemente, o Goberno galego autorizou a contratación do servizo de mantemento integral e dos equipos de alta tecnoloxía e da evolución desta aparataxe correspondentes ás marcas Philips e General Electric instalados nos centros dependentes da Consellería de Sanidade e do Sergas, por un importe de 13.316.049  e 9.429.714 euros, respectivamente.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde