A XUNTA IMPLANTA AS MELLORAS LABORAIS PARA OS PROFESIONAIS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ACORDADAS POR UNANIMIDADE COAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2023
 

O Consello da Xunta aprobou esta mañá o acordo polo que se implantan numerosas melloras retributivas e de xornada destinadas a todo o persoal do Servizo Galego de Saúde, no que atinxe ao prezo das gardas de presenza física e localizada, a atención continuada do persoal de enfermería e o resto de persoal sanitario e non sanitario. O acordo tamén recolle melloras na redución de xornada para todo o persoal, a ampliación do cobro de módulos das datas de especial significación (24 e 31 de decembro), e os complementos de turnicidade e tardes en atención primaria.

Tras o acordo acadado o pasado mes de abril por unanimidade coas organizacións sindicais na Mesa sectorial, o Executivo galego aproba e acorda para publicación no Diario Oficial de Galicia a regulación normativa dunhas melloras que abranguen aos máis de 43.000 profesionais que desempeñan o seu labor no Servizo Galego de Saúde e que entrarán en vigor neste mesmo xullo.

As novas remuneracións vencelladas aos horarios especiais situarán aos salarios do Sergas en atención continuada e gardas por riba da media do resto de comunidades autónomas.

Entre outras medidas, no referido aos incrementos do valor/hora das gardas do persoal facultativo, distínguense catro grandes ámbitos: o valor das gardas de presenza física, o prezo das gardas realizadas os domingos e festivos, o valor das gardas localizadas, e; finalmente, o prezo das gardas de presenza física prestadas a partir dun número igual ou superior ás 5 ao mes.

En concreto, desde o vindeiro 1 de xullo as gardas de presenza física realizadas polo persoal facultativo en día laborable pasará dos 25,95 euros/hora actuais aos 27 euros, e desde o 1 de xaneiro de 2024 acadarán un valor de 28 euros/hora.

No que atinxe ás gardas de presenza física que se realicen os domingos e festivos o prezo/hora terá unha suba dos 25,95 euros/hora actuais, ata os 30 euros que acadarán o 1 de xaneiro de 2024.

No caso das gardas localizadas, que ata o de agora se remuneraban con 13 euros/hora, pasarán a ter un valor o vindeiro mes de 13,50 euros, e ascenderá ata os 14 euros/hora co inicio do vindeiro ano.

Tamén se producirá un incremento do valor da hora da quinta garda -e sucesivas- que realice o persoal facultativo especialista nun mes, pasando do 26 euros actuais ata un valor total de 37 euros/hora, nas garda de presenza física e a partir do primeiro día do ano 2024.

A mellora das condicións laborais e organizativas abrangue á totalidade do persoal sanitario e non sanitario do Sergas, con subas do 7,9% en conceptos de gardas laborables e nocturnidade. Así mesmo, no caso das gardas festivas e conceptos ligados á festividade e a quenda do venres-noite, terá lugar un incremento do 15,61% sobre o seu valor actual.

O persoal de enfermería dos PAC e de garda nas urxencias extrahospitalarias, xunto co persoal non facultativo do Sergas (celadores, auxiliares, persoal de xestión, etc...) verán tamén incrementado o seu prezo/hora de acordo a estas porcentaxes. Así mesmo, o persoal residente en formación verá incrementado nun 7’9% o valor actual do prezo das súa gardas.

Datas de especial significación e redución de xornada

Desde xaneiro de 2024, tamén se estenderá a diferentes colectivos a retribución adicional no caso das xornadas de especial significación (24 e 31 de decembro). Así, terán un valor de 140 euros no caso do persoal licenciado sanitario; de 94,72 euros para o persoal non facultativo A1; 86,62 euros para o persoal de enfermería, matrón/a, fisioterapeutas e traballadores sociais de Primaria; 93,71 euros para o persoal residente en formación licenciado; e 66,14 euros para o persoal residente en formación diplomado.

No que se refire á redución de xornada, establécese unha progresiva redución ata un máximo de 112 horas, para os anos 2023 (21 horas), 2024 (49 horas) e 2025 (42 horas). Esta medida aplicarase fundamentalmente ao persoal que traballa a quendas, de cara a establecer unha adecuación á establecida na maior parte dos servizos de saúde do Sistema Nacional de Saúde. Sobre este particular, a redución do persoal que realiza quendas conleva a dotación de 1.393 prazas, das que 560 son de enfermería nos anos de vixencia.

Do mesmo xeito, increméntase o complemento de turnicidade en quendas rotatorias e de tarde e outórgase unha consideración especial ao traballo na noite do venres. No ámbito da atención primaria, e polas dificultades de cobertura das quendas de tarde e desprazable, prevese un complemento retributivo polo traballo nas mesmas.

Trátase dun importante avance nas condicións laborais e retributivas do persoal que presta servizos nas sanidade pública galega, situando aos profesionais de Galicia nas comunidades con mellores condicións laborais do Sistema Nacional de Saúde, sendo un recoñecemento ao labor e o esforzo realizado durante a pandemia.

As melloras acordadas contan co respaldo unánime das organización sindicais, o que amosa o clima de diálogo constante e a participación da Administración cos representantes de todo o persoal.

Deste xeito, de seguido, ditaranse instrucións para a aplicación da xornada laboral reducida xa dende o mes de xullo e demais medidas retributivas que serán de inmediata aplicación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde