COMESAÑA REMARCA O COMPROMISO DA XUNTA CO FORTALECEMENTO DO PAPEL DA ENFERMERÍA NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 06 2023


“Galicia ten un compromiso co fortalecemento do papel da enfermería na sanidade pública galega. No último lustro, os orzamentos da Xunta crearon case 300 novas prazas desta categoría en atención primaria”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de graduación da XI Promoción de Enfermería da UDC, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio.

No caso da enfermería especialista en saúde mental, o responsable do Sergas sinalou que o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 incorporou a creación de máis de 60 novas prazas, e, por primeira vez este ano, ofértanse 94 prazas desta especialidade para a súa provisión por concurso de méritos.

Tal e como incidiu o titular da carteira sanitaria, este ano está en marcha o proceso de estabilización que, xunto ás prazas das últimas ofertas de emprego público, “permitiu que o Sergas oferte máis de 2.000 prazas de enfermería cunha oposición de máis de 1.550 prazas e cun concurso de méritos de algo máis de 460”.

Xunto ao anterior, Comesaña sinalou que a Xunta puxo en marcha 35 equipos de enfermería de atención domiciliaria, “que están a contribuír a fortalecer a atención aos pacientes crónicos nas zonas rurais e semirrurais de Galicia”.

Tamén puxo en valor o conselleiro, o traballo realizado polo persoal de enfermería nas campañas de vacinación da covid e da gripe, “cuns resultados que serían imposibles sen a disciplina e o rigor que amosou este colectivo”, por iso agradeceulles o seu labor  e, tamén, o do profesorado, polo traballo previo nas aulas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde