O GRUPO CARDIOCHUS CONSOLÍDASE COMO LÍDER NACIONAL NA INVESTIGACIÓN CARDIOVASCULAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 07 2023

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023.- O grupo de investigación cardiovascular do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CardioCHUS) e do IDIS, logrou por segundo ano consecutivo o primeiro posto entre os 40 grupos de maior relevancia en investigación cardiovascular en España. “Somos firmes defensores do labor vertebrador do CIBER, os seus estándares de calidade son moi altos e é un orgullo que o noso grupo de investigación estea tan ben valorado”, sinalou José Ramón González Juanatey, xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e líder do grupo de investigación.

O grupo CardioCHUS está constituído por máis de 60 investigadores clínicos e traslacionais, cuxas liñas abarcan a procura de novos modelos de atención sanitaria, a incorporación de sistemas de intelixencia artificial para a axuda na toma de decisións clínicas, a investigación clínica, a identificación de mecanismos moleculares da enfermidade, o papel da xenética na orientación diagnóstica e terapéutica ou a prevención da toxicidade cardíaca en pacientes con cancro, entre outras. Ademais, o equipo de CardioCHUS é un referente no desenvolvemento de ensaios clínicos desde as súas fases iniciais e coordina estudos de investigación nacionais e internacionais.

Vinculado á excelencia no seu labor asistencial, pero tamén investigadora no IDIS, o Servizo de Cardioloxía e UCC do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela foi recoñecido en varias ocasións co Premio BIC ao mellor Servizo por calidade asistencial na atención a pacientes con enfermidades do corazón.

Mellorar a calidade e equidade no acceso ao sistema sanitario

Desde o equipo de traballo, insisten na necesidade de mellorar a calidade e o acceso ao sistema sanitario. “A constitución do noso grupo de investigación respondeu á necesidade de xerar coñecemento na nosa área de saúde, que impacta de forma directa na nosa práctica clínica», explicou o xefe de cardioloxía.

Ademais, sinalou que a investigación de primeiro nivel é fundamental para manter unha actividade asistencial de gran calidade: «o éxito radica en conformar un equipo humano, con perfís moi diversos que saiban complementarse e buscar as marxes de mellora, persoas que día a día queiran contribuír a mellorar o sistema».

O grupo CardioCHUS está integrado tamén no Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago (CiMUS). «Contar co apoio do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Innovación, a Universidade de Santiago e o propio CIBERCV, resulta fundamental para alcanzar este tipo de éxitos”», en palabras de Juanatey.

Con este recoñecemento, o Instituto de Saúde Carlos III a través das súas áreas CIBER busca impulsar a investigación biomédica de excelencia promovendo grandes estudos colaborativos de ámbito nacional e internacional, que acheguen resultados sólidos, transferibles e cun marcado retorno á sociedade.

Comprometidos co labor docente e investigador

O grupo CardioCHUS conta cun gran número de profesionais que compaxina o seu labor asistencial coa docencia e a investigación na Universidade de Santiago de Compostela e no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). “Temos o privilexio e responsabilidade de contribuír en dous dos piares fundamentais do sistema público, sanidade e educación», sinala o xefe de cardioloxía e investigador do IDIS José Ramón Juanatey, «é importante que a sociedade coñeza que máis aló da actividade asistencial, que é o noso principal obxectivo, hai moitas horas de traballo e dedicación para xerar coñecemento e alcanzar este tipo de fitos».

O doutor insiste na necesidade de formar novos investigadores cunhas boas condicións laborais: «se queremos que as futuras xeracións persigan a mellora do sistema, o elevado esforzo que conleva a actividade investigadora ten que verse recompensada na carreira profesional, tanto do persoal asistencial como do investigador».

Sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa dende o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1213 investigadores, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos captados no último ano, ol IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

 

Saúdos,

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde