URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA-061 CONDENA FIRMEMENTE AS SABOTAXES CONTRA AS AMBULANCIAS DA REDE DE TRANSPORTE SANITARIO URXENTE DURANTE A PRIMERA XORNADA FOLGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 07 2023
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente os actos vandálicos e as as sabotaxes que se están a producir contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente (RTSU) durante a primeira xornada de folga, que comezou hoxe 6 de xullo ás 00.00 horas e se manterá ata as 23.59 horas de mañá, 7 de xullo. Ademais, está prevista unha segunda convocatoria de folga que se estenderá aos días, 19, 20 e 21 de xullo.

A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas

Á marxe da convocatoria de folga, é dicir, durante onte, día 5 de xullo ata as 23.59 horas, producíronse picadas nas rodas das ambulancias asistenciais da Rede de transporte sanitario urxente con base en A Coruña (dúas ambulancias), Cambre, Baiona, Vigo, Mazaricos e Noia (en dúas ocasións).

Desde o inicio hoxe, 6 de xullo, da xornada de folga, 0.00 horas ata as 8.00 horas, tamén sufriron picadas nas rodas as ambulancias asistenciais da RTSU con base en Nigrán, Santiago, Baiona e A Coruña.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a cobertura sanitaria ás urxencias, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.  

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde