​URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA-061 CONDENA FIRMEMENTE AS SABOTAXES CONTRA OS RECURSOS DO SERVIZO PÚBLICO GALEGO DE URXENCIAS E EMERXENCIAS NA PRIMEIRA CONVOCATORIA DE FOLGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2023
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e actos vandálicos producidos ao longo da primeira convocatoria de xornadas de folga contra os recursos do servizo público galego de urxencias e emerxencias sanitarias. Esta convocatoria, que tivo lugar entre os días 6 e 7 de xullo, rematou con 82 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e avanzado con picadas nas rodas, ademais doutros actos vandálicos como pintadas ou cortes nos cintos dos vehículos.

A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100 %.

Picadas nas rodas

Desde as 00.00 horas do 6 de xullo, en que comezou a folga, ata as 23.59 horas de onte, 7 de xullo, sufriron sabotaxes con picadas nas rodas 82 ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente con base nos concello de Baiona, Negreira, Ordes, Mazaricos, Arteixo, Pontedeume, Pontevedra, Oleiros, Boiro, Tui, Sada, Arbo; Noia, A Garda e Padrón (en dúas ocasións); A Cañiza e Carballo (en catro ocasións), Nigrán (en cinco ocasións); Santiago e Redondela (en seis ocasións); Ponteareas (en sete ocasións), A Coruña (en once) e Vigo (en 21 ocasións). Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Por outra banda, tamén se rexistraron actos vandálicos como pintadas no exterior das ambulancias ou incluso o corte dos cintos de seguridade no caso da ambulancia con base na Estrada e dunha ambulancia con base en Vigo.

Por último, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recorda novamente que está a traballar de forma responsable e comprometida para garantir a cobertura sanitaria ás urxencias e ás emerxencias e prestar a mellor asistencia sanitaria urxente, sen que accións como estas prexudiquen a calidade da asistencia e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde