GALICIA ACTUALIZARÁ A ABORDAXE DA ENFERMIDADE OBSTRUTIVA CRÓNICA PULMONAR (EPOC) PARA REDUCIR O SEU INFRADIAGNÓSTICO ENTRE AS MULLERES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 07 2023
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,  participou esta mañá na presentación da actualización do Proceso Asistencial Integrado (PAI) de Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) que engade como principal novidade a perspectiva de xénero no diagnóstico e tratamento.

Un equipo multidisciplinar de máis de 20 profesionais da sanidade pública galega elaborou unha actualización do PAI de EPOC que busca reducir os niveis de infradiagnóstico estimado entre as mulleres (86%), xa que é máis elevado que en homes (67,6%). 

Asimesmo, tal e como se sinalou no acto no que tamén participaron a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e a directora asistencial da área sanitaria de Vigo, Susana Cerqueiro, divulgaranse os diferentes síntomas en función ao sexo do paciente: as mulleres presentan maior porcentaxe de disnea, sibilancias, hiperreactivididade bronquial e peor calidade de vida que os homes e, pola contra, as mulleres refiren menos tose e expectoración.

“Nos centros de atención primaria, promoverase a realización de espirometrías a mulleres fumadoras de máis de 10 paquetes ao ano”, explicou Comesaña sobre unha das iniciativas para reducir o infradiagnóstico.

Igualmente, incidirase nos programas de deshabituación tabáquica nas mulleres, en liña co Plan Inspira Saúde da Consellería de Sanidade. O tabaquismo está recoñecido pola comunidade científica como a principal causa de mortalidade prematura e evitable nos países desenvolvidos e a actualización do PAI de EPOC inclúe como novidade un algoritmo de intervención en persoa fumadora.

Educación Terapéutica enfocada á contorna sociofamiliar

Outra das innovacións que inclúe esta actualización presentada en Vigo é a formación mínima que debe recibir un paciente con EPOC nun Programa de Educación Terapéutica que, desde o momento do diagnóstico e ata o final da vida, define as características básicas para comprender a patoloxía, fomenta o autocoidado e a autoxestión, explica o tratamento ou o correcto uso de inhaladores (segundo as necesidades do paciente, da súa contorna sociofamiliar e, en particular, da persoa coidadora principal).

A maiores, os Procesos Asistenciais aprovéitanse do papel transversal que a innovación ten na atención sanitaria en Galicia. Por iso, o paciente con EPOC será tributario do uso da teleasistencia a través de TELEA, permitindo o control asistencial de pacientes no seu propio domicilio. Polo de agora, o Sergas leva atendidos 120 casos a través de TELEA e, na actualidade, son 51 as persoas que contan con ese control asistencial domiciliario.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde