A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E O CONCELLO DE FERROL PROMOVEN A PARTICIPACIÓN DA VECIÑANZA NA CAMPAÑA “VERÁN 2023: TI ES O PROTAGONISTA”
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 08 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove, en colaboración co Concello de Ferrol, a campaña especial “Verán 2023: Ti es o protagonista”. A iniciativa foi presentada está mañá nunha rolda de prensa na que estivo o Dr. José Vázquez Estepa, responsable de colectas de ADOS, e Maica García, concelleira de Sanidade. 

Na xornada do xoves 10, realizarase unha acción especial que se está a levar a cabo en máis de vinte concellos galegos, consistente no desenvolvemento dunha especial escenografía ao carón da unidade móbil de ADOS, despregando unha alfombra de cor verde e simulando un set cinematográfico, para, desde xeito, simbolizar o auténtico protagonismo dos doantes de sangue como eixes básicos da campaña de doazón no período estival. A unidade móbil estará na Praza de Armas das 9:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21 horas para poder atender a todos os doantes.

Taxa de doazón

Desde a Axencia fíxose especial fincapé no carácter solidario dos veciños e veciñas de Ferrol que, coas súas doazóns, acadaron o pasado ano as 3.270 doazóns de sangue, cifra que supuxo a obtención dun índice de 51 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Esta taxa supón a segunda máis elevada das sete grandes cidades galegas, só superada por Santiago de Compostela, e, ademais, sitúa ao concello de Ferrol once puntos por riba do índice medio de doazón en Galicia.

O Concello de Ferrol e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue impulsan esta campaña de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns mensuais. Para isto, desde o Concello de Ferrol convídase aos cidadáns a doar sangue e facilita novamente o acceso da unidade móbil ata a Praza de Armas, unha céntrica localización coa que tenta favorecer unha maior afluencia da cidadanía.

Pola súa banda, o concello da Ferrol celebrou poder ser partícipe desta campaña, reafirmando novamente o seu compromiso para poder seguir estando á altura no nivel de doazóns, amosando así o afán altruísta de toda a poboación ferrolán. 

Campaña de verán

As épocas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden co período de vacacións de verán. Por iso, lévanse a cabo accións informativas como a campaña especial en colaboración cos concellos “Ti es o protagonista”, para tratar de garantir unha participación axeitada co obxectivo de cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos que precisan os hospitais. 

ADOS quere facer expreso recoñecemento da colaboración brindada polos veciños e veciñas de Ferrol no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como das facilidades amosadas sempre pola corporación municipal para fomentar unha cultura social favorable á doazón de sangue.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde