A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS ACTIVA A SÚA NOVA ÁREA DE ESTERILIZACIÓN DO HOSPITAL COMARCAL DO SALNÉS QUE DUPLICA A SUPERFICIE ANTERIOR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 08 2023

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés activou hoxe a súa nova área de Esterilización do Hospital comarcal do Salnés, infraestrutura que duplica a superficie anterior dedicada a estes procesos asistenciais e á adaptación da capacidade do bloque cirúrxico do hospital arousán tras a súa anterior ampliación de espazos e carteira de servizos. 

Cómpre lembrar que este proxecto -no que a Xunta de Galicia investiu 1,2 millóns de euros, cos importes de adxudicación, tanto de obra construtiva coma de equipamento- ten o seu emprazamento nun andar inferior e na vertical do bloque cirúrxico do Hospital arousán, con comunicación directa mediante senllos ascensores. 

No proceso de execución desta área loxística, a Administración Sanitaria Pública galega tamén renovou completamente o equipamento do anterior servizo de Esterilización do centro sanitario de Ande-Rubiáns para incorporar novas estacións de lavados, de selados e empaquetados, termodesinfectadoras, esterilizadores de última xeración, sistemas de monitorización e de trazabilidade, cabinas de retorno, carros manuais e eléctricos de transporte, mesas de traballo e recepción de instrumental, estanterías etc.

O novo equipamento da área de Esterilización do Hospital comarcal do Salnés adáptase ás esixencias de ergonomía, calidade do proceso e rastrexabilidade, seguridade e fiabilidade, así coma ao aumento da demanda de material esterilizado no hospital arousán.

Alto grao de informatización e integración

Así mesmo, esta nova área de Esterilización no centro sanitario de Ande-Rubiáns conta cun alto grao de informatización e capacidade para integrarse no sistema en rede de xestión integral dos procesos desenvolvidos polo Servizo de Esterilización dispoñibles no resto de hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, procesando todo o instrumental, equipamento e accesorios cirúrxicos considerando a proxección de actividade futura do bloque cirúrxico do Hospital. Ademais, dispón dunha capacidade adicional para procesar o resto do material xerado nas áreas intervencionistas, consultas e gabinetes, Urxencias e similares. 

Para o dimensionamento desta nova Unidade, o Servizo Galego de Saúde realizou un pormenorizado estudo, partindo dos datos de actividade do Hospital do Salnés e a súa previsión de crecemento asistencial tanto no medio coma no longo prazo.

Financiamento europeo

Dita obra e o equipamento financiouse co Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 con fondos React-UE, coma parte da resposta da Unión Europea á pandemia de COVID-19, potenciando a cobertura sanitaria pública á poboación do Distrito Sanitario de O Salnés, coa adquisición do equipamento integral que conforma a nova central de Esterilización que presta servizo ao novo bloque cirúrxico e ao resto de unidades asistenciais que así o requiran.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde