SANIDADE ABORDA COS PROFESIONAIS A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DE BALTAR PARA LICITAR O PROXECTO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 08 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo esta mañá en Sanxenxo unha xuntanza para abordar cos profesionais as melloras que implicará a ampliación do centro de saúde de Baltar.

Ademais de representantes e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, do Concello e profesionais do centro de saúde, ao encontro asistiron o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores. Segundo sinalou o conselleiro de Sanidade, “a reunión foi moi produtiva, escoitamos os profesionais nas súas demandas e neste ano iniciaremos o proceso de licitación do proxecto arquitectónico”.

Desta forma, definíronse as necesidades que serán recollidas no prego de condicións do proxecto arquitectónico que Sanidade lle encomendou á Axencia Galega de Infraestruturas. Entre outras, a ampliación do centro de saúde de Baltar permitirá contar con oito novas consultas, maior espazo para a docencia ou novos vestiarios nunha nova planta. 

Para isto, o Goberno galego reservou un total de 400.000 euros nos actuais orzamentos da Xunta para gañar máis de 900 m2 no centro de saúde de Baltar, chegando a un espazo que superará os 2.500 m2. 

Esta obra continuará coa liña de melloras que xa realizaron nos últimos anos no centro de saúde de Baltar, entre as que destacan a renovación das estancias interiores con melloras nos falsos teitos e a instalación de luminarias de eficiencia enerxética, a renovación da cuberta do pavillón oeste do centro ou os traballos de mellora acometidos na rede de sumidoiros.


Ademais das obras de ampliación, o centro de saúde de Baltar aumentou o seu cadro de persoal este ano cunha praza de nutricionista de nova creación e o pasado ano coa incorporación dun novo profesional médico con praza fixa, tras serlle adxudicada unha das 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria que o goberno galego ofertou a través do concurso de méritos para cubrir postos vacantes en centros de difícil cobertura.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde