O Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorpora catro novos ecógrafos coas últimas prestacións. Instalábanse este mes os catro novos aparatos, dous xa están a funcionar a pleno rendemento nas consultas prenatais, no andar baixo do centro de especialidades do Hospital Arquitecto Marcide; e dous instalaranse nos vindeiros días nas consultas externas xerais neste Servizo.
Estes catro novos equipos supoñen un investimento na Área de 250.000 euros. Dous deles substitúen a dous equipos cos que se deixará de contar, pero os outros dous incorpóranse a ámbitos nos que xa había dous equipos de alta calidade, que serán transferidos un tamén ás consultas externas e o outro á Consulta de solo pelviano.
Como indican dende o Servizo de Xinecoloxía do Complexo ferrolá, isto supón non ó unha ampliación cualitativa na tecnoloxía do servizo a nivel de imaxe, se non tamén cuantitativa. “Isto incrementa unha vantaxe que xa temos na nosa Área, que a muller pode marchar coa exploración e a ecografía feita na mesma xornada nun maior número de consultas do Servizo”, explican dende este Servizo.
No caso das consultas prenatais, mellórase o diagnóstico, as accións con técnicas invasivas, e increméntase a calidade no control do embarazo complexo. Os dous aparatos diagnósticos que estaban nestas consultas pasan un tamén a consultas xerais e outro á consulta de solo pelviano. Xunto co incremento na calidade da imaxe, no que se refire ó ecógrafo destinado á consulta de solo pelviano, contarase coa ecografía volumétrica en 3D e 4D para a abordaxe das patoloxías neste ámbito, e para o que existen profesionais deste Servizo de Xinecoloxía especialmente formados ó respecto.
Nova tecnoloxía diagnóstica para mellora asistencial
Estes aparatos forman parte da compra que realizaba a Xunta de Galicia de 58 novos equipos de ecografía nos servizos de Xinecoloxía e Obstetricia das sete áreas sanitarias galegas. O Servizo Galego de Saúde formalizou en xuño, por un importe total de 4,1 millóns de euros, os contratos coas empresas adxudicatarias da licitación deste material autorizada polo Consello da Xunta en decembro do pasado ano.
Segundo indican dende o Servizo Galego de Saúde, estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ó que a Xunta de Galicia está destinando boa parte dos fondos europeos que recibe. Así, o equipamento obxecto destes expedientes de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
En particular, no caso da tecnoloxía de ecografía para imaxe diagnóstica, este investimento únese á renovación de máis de 60 ecógrafos levado a cabo pola Xunta de Galicia en 2022 mediante un investimento de 5,3 millóns de euros e que permitiu incorporar 48 novos ecógrafos nos servizos de radiodiagnóstico dos hospitais públicos galegos e destinar outros 16 ecógrafos, na súa meirande parte, aos servizos de urxencias. Do total destes equipos, cinco correspóndense con ecógrafos destinados aos servizos de radiodiagnóstico e urxencias para a Área Sanitaria de Ferrol, que foron adxudicados por un importe de 376.107 euros, e están xa instalados e en funcionamento dende inicio do presente ano.