O almacén de subministracións do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol está a se trasladar esta fin de semana, dende o soto do Hospital Arquitecto Marcide, ao andar -1 no módulo xa realizado do novo edificio sur, no marco do Plan Director. Así, dende onte venres e ata o vindeiro luns este departamento central da Área está a ocupar os espazos do seu novo emprazamento no andar -1 do novo edificio sur.
Lembrar que o Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol implica a construción de dous novos edificios, un no sur do actual (cara á madeireira); e un no este (en paralelo á vía da Irmandade de Doadores de Sangue). Ó redor dun terzo de cada un destes dous edificios pódese ver xa, e está previsto a súa progresiva ampliación ata confluír un co outro en forma de ele.
O que ten máis contido na actualidade é o novo edificio sur, xa que se foron trasladando elementos necesarios para poder demoler as zonas previstas do Hospital Arquitecto Marcide orixinal e poder seguir avanzando nos novos edificios. No seu andar -2 están xa activas moitas das zonas clave para o funcionamento técnico do Complexo, como os centros de transformación de enerxía, sistemas antiincendios, grupos electróxenos, sistemas de refrixeración, entrada de auga quente e fría, e cadros de xerais de alta e baixa tensión, entre outras cuestións.
O traslado do Almacén ó andar -1 nesta fin de semana é un chanzo máis nesta activación das zonas novas, no marco do Plan Director. E, recordar igualmente que, no andar cero, xa unha parte deste novo edificio sur acolle ó recentemente operativo Servizo de Radiodiagnóstico, que se realizou empregando unha parte do actual Hospital Marcide e unha parte comunicada co citado novo edificio sur.
Estes pasos, como se indicaba, permitirán agora xa comezar a demoler as partes abandonadas e traballar sen interferir na actividade sanitaria diaria en darlle continuade ós seguintes módulos dos novos edificios, tanto o este como o sur. Así, estanse a demoler xa a antiga Farmacia, o antigo servizo de Microbioloxía, e as áreas do anterior Servizo de Radiodiagnóstico, entre outras zonas máis pequenas. Precisamente nunha das zonas de Radiodiagnóstico máis achegadas ó actual Hospital Arquitecto Marcide, estase a traballar nunha nova área de preingreso de pacientes dende o Servizo de Urxencias, aqueles pacientes que teñen indicado o ingreso no ámbito de Hospitalización dende as Urxencias, e que aliviará os espazos deste Servizo.
Xestión de máis de 25.600 pedidos anuais
O servizo de subministracións estrutúrase en dúas seccións unha de Compras e outra de Almacén, o que se está a trasladar. Está integrado por unhas 19 persoas (12 na sección de Compras e 7 na de Almacén). O Servizo de Subministracións ten como principal fin a adquisición, compra e distribución de todos os produtos e equipos sanitarios que se consumen na Área Sanitaria de Ferrol.
Xestiónanse ó redor de 12.270 artigos distintos e ata 18.000 referencias distintas deses artigos. O Servizo de Subministracións tramita anualmente ó redor de 25.600 pedidos a provedores con 48.700 liñas de pedido. É dicir, que realiza 25.600 pedidos con distintos produtos (liñas de pedido) en cada un. Son, anualmente, unhas 45.300 solicitudes das diferentes unidades de consumo (andares de hospitalización, unidades, quirófanos, laboratorios, centros de saúde). Este Servizo mantén implantado, dende o ano 2007, o Sistema de Xestión de Calidade conforme á Norma ISO 9001:2008, polo que ten documentada toda a súa estrutura, función e actividade.