O HOSPITAL MONTECELO ACTIVOU HOXE O SEU NOVO EQUIPO DE TOMOGRAFÍA AXIAL COMPUTERIZADA DE ÚLTIMA XENERACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 08 2023

O Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra activou asistencialmente hoxe 28 de agosto o seu novo equipo de tomografía axial computerizada -TAC-, toda vez que rematou o proceso de instalación e ensamblaxe desta aparataxe, cumprindo deste xeito o compromiso de activación operativa da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés para o segundo semestre deste ano. Esta nova aparataxe renova a tecnoloxía que prestaba servizo neste centro hospitalario, que contaba cun tempo de actividade operativa superior aos 10 anos. 

O novo TAC do Hospital Montecelo- que complementa ao TAC espectral operativo dende o pasado febreiro- é o terceiro equipo que se instala na Área Sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía de equipamento electromédico do Plan INVEAT -plan de inversión en equipos de alta tecnoloxía sanitaria no sistema nacional de saúde-. 

O novo equipo que se activou hoxe na área de Radiodiagnóstico do hospital Montecelo incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial. O devandito sistema mellora os tempos de traballo dos profesionais e aumenta a calidade da resolución dos estudos. 

Ademáis, esta tomografía axial computerizada incorpora tecnoloxías de última xeneración, con moitas capacidades clínicas e unha redución de dose de radiación de ata un 82 por cento. 

Máis aplicacións clínicas

O novo TAC do Hospital Montecelo tamén permite aplicacións clínicas que non presentaba o aparato anterior, caso da posibilidade de efectuar estudos cardíacos, estudos de perfusión cerebral para o Código Ictus, á vez que incorpora sistemas de intervencionismo, podendo efectuar biopsias, drenaxes e puncións.

Así mesmo, este novo TAC do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés tamén dispón dun sistema de nova xeración baseado en tecnoloxía de intelixencia artificial, que optimiza o fluxo de traballo para mellorar a facilidade do seu uso, incrementando a adquisición de imaxes e sistemas postprocesado, o que lle permite unha maior precisión nos estudos diagnósticos. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde