A XUNTA INVESTIRÁ MÁIS DE 150.000 EUROS NA INSTALACIÓN DO EQUIPO DE RADIOLOXÍA NO CENTRO DE SAÚDE DE ORTIGUEIRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 08 2023

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, visitou hoxe o centro de saúde de Ortigueira, onde destacou que a Xunta investirá 151.250 euros na creación da nova sala de raios X dixital neste centro, para dotalo dunha maior capacidade diagnóstica e mellorar así a prevención da enfermidade e evitar complicacións posteriores nos pacientes.

Na visita da representante da Consellería de Sanidade, na que estivo acompañada do alcalde, Valentín Calvín, así como polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, a directora xeral subliñou que, co fin de reforzar o seu propósito dunha atención primaria máis resolutiva, a Xunta investirá, tamén, outros 151.250 euros na nova sala de radioloxía no centro de saúde de Pontedeume, e un total de 181.500 euros na renovación dos equipos de raios X dixitais do centro de saúde Fontenla Maristany.

Esta iniciativa, -dixo Sofía López-, enmárcase na licitación que a Xunta adxudicou, por un importe de 500.000 euros, para a adquisición de novas salas de radioloxía e renovar as xa existentes na área sanitaria de Ferrol.

A directora xeral puxo en valor que, con este investimento, a Xunta fortalece a súa aposta por unha atención primaria cunha maior capacidade diagnóstica. Trátase de novos equipos que permitirán obter con maior rapidez un diagnóstico precoz, e axudarán no seguimento de patoloxías e evitarán desprazamentos innecesarios aos pacientes, -concluíu-.​

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde