A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS PROMOVE A IDENTIFICACIÓN DOS SEUS PROFESIONAIS CON TARXETAS PERSOALIZADAS E CINTAS ESPECÍFICAS PARA CADA CATEGORÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 08 2023

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a promover dinámicas de identificación dos seus profesionais, facilitándolles tarxetas persoalizadas e unhas cintas específicas con cores asignadas a cada categoría de actividade. Baixo o lema "Nos xa estamos identificados. E ti?", preséntase unha campaña de promoción da identificación dos profesionais do Sistema Sanitario Publico galego nas súas diversas contornas de actividade, de cara a garantir que tanto os pacientes como o persoal, visitantes ou familiares de usuarios podan identificar facilmente a cada categoría profesional da Sanidade Pública de Pontevedra e O Salnés que intervén nun proceso asistencial, clínico ou administrativo. 

Esta iniciativa de identificación efectúase en cumprimento da normativa vixente da Lei de Saúde de Galicia -que establece no seu artigo 12 os dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios por parte do Sistema Público de Saúde autonómico- onde no seu apartado 10 refréndase o dereito a coñecer e identificar de xeito rápido e claro ao persoal que presta asistencia sanitaria. 

Visibilidade para a eficacia

Para a eficacia de dito dereito, o persoal que desenvolve calquera tipo de actividade asistencial levará sempre visible a súa identificación profesional. Cómpre subliñar que nos centros sanitarios públicos da área de Pontevedra e O Salnés prestan servizo cada xornada unha ampla variedade de profesionais tanto sanitarios coma non sanitarios, que abranguen especialidades moi diversas con distintas responsabilidades nos procesos asistenciais. 

Para garantir a seguridade dos centros e facilitar o seu funcionamento, resulta primordial identificar as persoas, en especial os profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, polo que o sistema de identificación debe ser eficaz e permanente. 

Ademais, debe resultar fácil de utilizar para o persoal responsable de identificar as persoas dos centros sanitarios, tanto na rede de centros de Atención Primaria coma nos tres hospitais públicos emprazados nos distritos sanitarios de Pontevedra e O Salnés.

Confianza nun servizo profesional 

Segundo sinala a directora de atención hospitalaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a doutora Yolanda Sanduende Otero, “os pacientes tamén buscan nos centros sanitarios públicos desta Área un clima de confianza e empatía, que se pode ver favorecido dende o momento no que coñecen polo seu nome e función aos profesionais que participan no seu proceso asistencial, clínico ou administrativo. Coma profesionais da saúde, somos garantes da calidade dos coidados e da asistencia que lles prestamos aos usuarios, ben sexa nun centro de Atención Primaria, nun hospital, en calquera consulta ou área de probas diagnósticas, mesmo nas visitas clínicas que os profesionais de Pontevedra e O Salnés efectúan en numerosos domicilios da área de saúde. Esta tarxetas persoalizadas e as cintas específicas con cores asignadas a cada categoría permiten mellorar os niveis de confianza dos pacientes e fomentar a comunicación eficaz nos centros sanitarios, mellorando a seguridade e a calidade da prestación sanitaria”. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde