O 061 DE GALICIA LEMBRA A IMPORTANCIA DA COLABORACIÓN CIDADÁ NOS ACCIDENTES DE TRÁFICO NO INICIO DA OPERACIÓN RETORNO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 09 2023

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, lembra a importancia da colaboración cidadá no caso de sufrir ou ser testemuña dun accidente do tráfico ante o comezo, hoxe, da Operación Retorno do verán, na que se estima un aumento da circulación de vehículos nas estradas.


Así, desde o servizo público galego de atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias aconséllase ter en conta as seguintes medidas, no caso de atoparse cun sinistro de tráfico, xa que a axeitada colaboración cidadá pode salvar moitas vidas e evitar lesións moi graves das persoas feridas.


Como actuar ante un accidente de tráfico

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, aparque o vehículo nun sitio seguro, afastado do accidente, e prenda as luces de emerxencia. Nunca poña en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender aos accidentados, adopte as medidas de seguridade axeitadas, xa que de nada serviría aumentar o número de vítimas.


Utilice roupa reflectante de alta visibilidade e sinalice o lugar do accidente utilizando os triángulos de sinalización ou as luces de emerxencia regulamentarios.


Chame canto antes ao 061. Os profesionais médicos da Central de Coordinación indicaranlle que facer e como actuar ante os posibles feridos, ao tempo que os recursos asistenciais do servizo de urxencias se desprazan ata o punto do sinistro.



Lembre que a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, Canto máis datos se lle dean, máis se axudará ao servizo de atención ás urxencias sanitarias na súa tarefa. É necesario facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente e o estado dos feridos para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios que dependerán da gravidade do sinistro.


Así mesmo, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.


Balance Operación Retorno do Verán 2022

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana da Operación Retorno do Verán do ano pasado 77 persoas debido a 55 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do venres, 2 de setembro, ata as 23:59 horas do domingo, 4 de setembro de 2022. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o domingo con 20 accidentes.


A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 66 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 55 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 77 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 54,5 e do 45,5% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.


Por provincias, foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.


Provincia

Accidentes

A Coruña

21

Lugo

5

Ourense

7

Pontevedra

22

Galicia

55

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 70. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 56 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes.


En 66 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e 11 persoas foron asistidas no lugar do sinistro.


Cómpre subliñar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano. As súas chamadas serán atendidas por profesionais sanitarios que valorarán a situación e no caso de necesitalo, mobilizarán os recursos que se desprazarán ata o punto, mentres vostede recibe as indicacións sobre como actuar ata que chegue o recurso máis axeitado.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde