O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu a sanidade galega na vangarda da protección do medio ambiente con medidas como a Estratexia de Economía Circular do Sergas, que foi presentada hoxe en Santiago de Compostela e que marcará a folla de ruta do sistema sanitario autonómico nos vindeiros sete anos.
Tal e como explicou o titular do Goberno galego, o obxectivo é seguir dando pasos cara unha sanidade máis sostible nun contexto marcado polo cambio climático e as súas consecuencias na sociedade e na saúde da poboación. Rueda asegurou que para logralo é preciso a colaboración de todos. “Todo o que ten que ver coa sostenibilidade e o medio ambiente é algo que nos atinxe, nos importa, nos implica e nos obriga a todos: os cidadáns, as empresas e as administracións que somos as primeiras que temos que dar exemplo”, indicou o presidente.
Rueda resaltou que, polas súas características, a actividade sanitaria ten unha forte pegada no medio ambiente: é unha actividade continuada as 24 horas dos 365 días do ano, que implica moitos desprazamentos, na que se utilizan materiais de un só uso e sistemas que provocan emisións de CO2. Por iso, o sistema sanitario galego o Sergas leva máis de dúas décadas inmerso nun proceso de transformación para apostar por un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
A Estratexia de Economía Circular do Sergas busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade. Unha serie de medidas que permitirán aforrar custes, acadar unha maior eficiencia e mermar as emisións en todas as instalacións sanitarias. Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.
Para iso, a Estratexia inclúe diferentes medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles, o ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores.
Galicia, pioneira en participar en proxectos internacionais sobre a sustentabilidade
Rueda resaltou que o sistema sanitario galego xa leva “moito traballo feito” en materia de sustentabilidade. De feito, é pioneiro e un referente ao participar en diferentes iniciativas internacionais. O Sergas é o único sistema sanitario europeo que participa como socio na Nueva Bauhaus Europea -un proxecto que aposta polas construcións sostibles para mellorar a calidade de vida – e non hai ningunha outra administración sanitaria española involucrada nun proxecto da ONU para intentar acadar as cero emisións de carbono nas instalacións sanitarias en 2040.
Ademais, a sanidade galega ten en marcha outros programas para a redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios ou as emisións de gases á atmosfera que provoca o sistema de anestesia das operacións cirúrxicas.