O xerente
e a directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras,
Félix Rubial e Beatriz Cabanelas, xunto á directora Escola Universitaria de
Enfermería, Milagros Fernández, e parte do equipo directivo deron a benvida hoxe
no Hospital Universitario de Ourense aos cincuenta e nove estudantes que iniciarán
este ano o seu primeiro curso.
As alumnas e alumnos da futura promoción
2023-2027 desenvolverán a súa formación entre as aulas da escola, no edificio
Santa María Nai e no campus de Ourense, e nos diferentes servizos do Hospital
Universitario de Ourense e Centros de Saúde docentes, nun plan de estudos eminentemente
práctico cada día máis esixente no académico, cun acceso limitado aos alumnos
con notas máis sobresaintes. Este ano a nota de corte para EUE de Ourense foi de case 11 puntos (10.940).
Entre as estudantes deste curso a presenza
feminina continúa a ser amplamente maioritaria e salvo dúas alumnas, de Madrid
e Bilbao, todas proceden de Galicia.
Ademais da esixencia no académico, a
filosofía dos estudos de enfermería pasan pola formación en calidade e no
coidado humanizado e igualitario. Como explicou a súa directora, Milagros
Fernández, “Traballamos con persoas. Estamos no nacemento e tamén as acompañamos
no final da vida” por elo é
imprescindible a perspectiva social e humana. A directora tamén os chamou a asumir unha actitude crítica e
reflexiva, fronte á realidade que os rodea, e a facer da súa profesión un
instrumento visible desta actitude, acompañada sempre do saber científico.
Grandes perspectivas laborais
A directora de enfermería da Área Sanitaria
de Ourense, Verín e Valdeorras, Beatriz Cabanelas, felicitou aos novos alumnos
e encomiou a súa elección -“Tedes elixido ben. É unha carreira bonita,
complicada, pero tamén cunhas expectativas de futuro fantásticas: É rematar e
ter un mundo laboral aos vosos pes, cada vez máis amplo e con máis eidos nos
que aplicar os nosos coñecementos” dixo.
O xerente abondou tamén nas altísimas
perspectivas laborais da enfermería neste intre, e destacou o gran momento que
está a vivir a profesión -“A enfermería está vivindo unha auténtica explosión
de éxito” dixo, poñendo en valor o papel esencial da enfermería durante a pandemia,
o que contribuíu a potenciar a súa visibilidade e valoración pública.
Tanto as responsables de enfermería, como o
xerente da Área Sanitaria, coincidiron igualmente no imprescindible exercicio
humanístico e social da enfermería, e destacaron que por riba da aprendizaxe de
técnicas e procedementos, traballaran en directamente con persoas, algunhas
enormemente vulnerables -“a vosa Facultade é un hospital, e eso marca
claramente a profesión que acabades de escoller” dixo Rubial, que agradeceu aos
novos alumnos que elixiran Ourense e os animou a aproveitar as vantaxes de
formar estudar nunha escola onde se poden beneficiar dunha docencia máis
personalizada e de proximidade.