O xerente
da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, acompañado do
presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, deron hoxe a benvida aos
vintecatro alumnos e alumnas de sexto de Medicina, da Universidade de Santiago
de Compostela, que elixiron os centros públicos de Ourense para realizar o
“rotatorio” últimas prácticas clínicas previas a súa graduación como médicos.
Durante estas prácticas, denominadas
coloquialmente MIR-0, os estudantes de Ourense “rotarán” polos servizos básicos,
tanto hospitalarios como de atención primaria, ao longo de 29 semanas, sempre
acompañados dun titor, que os guiará e os avaliará de xeito continuado, realizando
ademais, ao remate da rotación en cada servizo, un exame de casos clínicos.
O obxectivo é conseguir o nivel de
competencia preciso para o exercicio da medicina, de dominio dos coñecementos e
habilidades manuais; recoñecemento de problemas; selección das probas
complementarias a cada proceso; xuízo clínico e prescrición de tratamento
racional, ademais doutras habilidades, non menos importantes, como recoñecer
aspectos psicolóxicos ou sociais que afectan ao enfermo -aplicando principios
éticos como o respecto polo paciente- e a adecuada comunicación e relación co
paciente e os seus familiares.
Inmersión nas especialidades médicas
Ás portas do exame MIR, para os alumnos e
alumnas este período supón tamén unha oportunidade para afondar nas distintas
especialidades e seu día a día na práctica, servindo esta “inmersión” moitas
veces para decidir que especialidade ou especialidades lle gustan máis. “Espero
ir coñecendo mellor o que me gusta ao longo deste ano, para poder elixir despois”
dí Ana Estevez, do Barco de Valdeorras, que
inicia hoxe o seu rotatorio por Oncoloxía.
Pedro Manuel Segovia, de Venezuela, comeza
hoxe en psiquiatría, non si de entrada ten claro que lle gustan as
especialidades cirúrxicas “operar, pasar consulta, atender urxencias... son especialidades
que teñen un pouco de todo o que me parece moi interesante” di.
De moito máis preto ven Nazareth Vázquez,
ourensá de Vistahermosa, cunha positiva experiencia en dous anos de prácticas de
verán nos servizos de Cardioloxía e Dixestivo, nos que valora especialmente a
atención e dedicación dos titores e as maiores posibilidades formativas de
Ourense, destacando o grao de comunicación e horizontabilidade de ambos
servizos, polo que se inclina por eles para facer a súa futura especialidade
“estiven moi contenta nos dous e aprendín moitísimo” di.
O corazón da asistencia clínica
O itinerario de prácticas esta regrado por
especialidades e tempo de permanencia. O máis extenso se corresponde coa
Clínica Médica, 10 semanas consecutivas (18 créditos). Con 5 semanas e 9
créditos, as prácticas de Clínica Cirúrxica danlle paso polos servizos de
cirurxía e traumatoloxía, mentres que o resto do período repártese con 3
semanas (6 créditos) en cada área clínica Obstétrica e Xinecolóxica; Pediátrica;
Psiquiátrica, e de Medicina Familiar e Comunitaria; ademáis de 2 semanas (3 c.)
en urxencias e servizos centrais ou diagnósticos.
Na área médica os estudantes poden rotar
por Cardioloxía, Oncoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Dixestivo, Nefroloxía,
Reumatoloxía, Endocrinoloxía, Medicina Interna ou Medicina Intensiva, con
estanza en alo menos tres destes servizos un mínimo de tres semanas. Igualmente,
a rotación de Urxencias inclúe a realización de prácticas tanto nos servizos de
urxencias hospitalarios como nos Puntos de Atención Continuada de Atención
Primaria.
A rotación en Medicina de Familia e
Comunitaria faise en Ourense nos centros de saúde acreditados para docencia, coa
particularidade da nosa Área de dispoñer de centros acreditados no medio rural,
como o de Leiro, o que permite aos estudantes coñecer de primeira man o núcleo mesmo
da atención primaria, así como os atractivos desta práctica clínica, o que desde
hai anos demanda moitas sociedades médicas, para promover a súa elección.
Coñecer a atención primaria e o rural
María José Fernández, coordinadora docente
de Medicina Familiar e Comunitaria, especialidade pola que tamén rotan os
alumnos de 5º de medicina, destaca a importancia destas prácticas nos centros
de saúde “Hai que darse conta que o 50% dos alumnos de medicina elixiran esta
especialidade” ademais, destaca “temos unha das mellores redes de atención
primaria de Galicia” polo que a súa experiencia formativa será altamente
competitiva e de calidade.
A docente destaca, como tamén fixo o
xerente no acto de benvida, a calidade docente dos titores que exercen no
ámbito rural “temos uns titores excepcionais que se volcan cos alumnos” alumnos
que en moitas ocasións descoñecían ata facer as prácticas a capacidade
resolutiva e asistencial da primaria “retinografía,
ecografía, cirurxía menor... son técnicas que se están a desenvolver en moitos
centros rurais“ por eso animaos a sacar o máximo partido desta e dalles as “gracias
por elixirnos”.
Os coordinadores da Área Sanitaria de
Ourense nas distintas áreas clínicas do curso 2023-24 son Eva Fernández, Clínica
Médica; Pedro Trillo da Cirúrxica; Marta Vázquez de Obstetricia e Xinecoloxía;
Santiago Cebrián de Pediatría; David Simón de Psiquiatría; Mª José Fernández de
Medicina de Familia e Comunitaria; e Bernardo Álvarez de Urxencias.