OS NEURÓLOGOS CHAMAN A INTENSIFICAR A ATENCIÓN DA MIGRAÑA PARA PREVIR A SÚA CRONICIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 09 2023

Pese a ser a enfermidade neurolóxica máis común, na abordaxe de migraña perviven falsos mitos e unha importante banalización a nivel social, incluso por parte dos propios pacientes, e as veces tamén de profesionais, o que conducen ao seu infradiagnóstico, por eso no Día Internacional de Acción contra a Migraña, o Servizo de Neuroloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras chama a intensificar a súa atención para reducir a cronificación , instaurando canto antes un tratamento axeitado.

A Migraña é aínda moi descoñecida pese a súa prevalencia. Un 12% da poboación a padece e, pese a elo, ata o 40% dos enfermos non están diagnosticados. De feito, moitas veces afrontan a dor como unha herencia familiar para a que se automedican, aumentando así o risco de cronificación, que está aumentando. Entre un 2 e un 3 por cento destes pacientes teñen o terán migraña crónica, altamente incapacitante, xa que a dor pode estar presente máis de 15 días ao mes, o que afecta a todos os ámbitos, familiar, social e moi especialmente laboral, padecendo ademáis a incomprensión do seu entorno.

Desde o Servizo de Neuroloxía, Laura Blanco, unha das neurólogas responsables da consulta específica de migraña, xunto con Nabil Sabbagh e María Pardo, chama a poñer voz a migraña,  unha das enfermidades máis incapacitantes segundo a OMS, destacando os grandes avances experimentados no seu tratamento “desde 2018 á actualidade contamos con sete novos fármacos, oito en breve, que teñen cambiado a abordaxe da migraña e axudado moito aos pacientes”.

Novos tratamentos e prevención

Este novo “arsenal”  terapéutico esta orientado especialmente aos pacientes con migraña crónica, pacientes que nalgúns casos teñen só entre cinco ou seis días ao mes para facer unha vida normal, e con estes tratamentos poden ter unha redución entre o 50 e o 70% de días de dor.  Os avances cambian totalmente a perspectiva vital e asistencial, aínda que Blanco destaca que todavía resta unha porcentaxe de 15-20% de pacientes crónicos nos que non é efectivo pero as perspectivas de novos tratamentos son ilusionantes.

Algúns destes novos tratamentos son os anticorpos monoclonais subcutáneos, que aplicados en consulta, empréganse como tratamento preventivo da migraña nos pacientes con maior afectación. Estes tratamentos incrementáronse desde 2021 ata un 53% en Ourense, chegando na actualidade a 103 pacientes a tratamento, moitos máis a seguemento desde a consulta monográfica, agora dúas á semana atendidas por dous neurólogos.

Unha enfermidade feminina nun 80%

A migraña é unha enfermidade eminentemente feminina, xa que afecta ata oito veces máis ás mulleres, que representan o 80% das persoas cun diagnóstico de migraña.

Existen máis de 200 tipos de dores de cabeza ou cefaleas distintas, de feito o 95% das mulleres terán algunha delas ao longo da súa vida, algo menos os homes, pero un ataque de migraña ten unha clínica ou sintomatoloxía moi características.

O diagnóstico da migraña é clínico -en función dos síntomas- e abonda a ser  característica: dor pulsátil intensa, que se localiza nun só lado do cranio, “os pacientes o describen coma un trade ou martelo que os golpea” di a Dra. Blanco, que detalla tamén unha das calidades da dor: a intensidade- “É unha dor tan intensa que non permite facer unha actividade normal, unha dor que leva directamente á cama” todo elo acompañado de náuseas, vómitos e “fobias” como que lle moleste a luz, o ruido, ás veces os cheiros, e o movemento, “por iso é tan incapacitante”, explica a especialista.

A día de hoxe aínda non se sabe porqué algunhas persoas desenvolven migraña, aínda que si esta establecida unha orixe xenética complexa na que tamén inflúen factores ambientais ou hormonais, que explicaría a maior afectación de mulleres, especialmente a partir da primeira menstruación.

O que si teñen moi claro os neurólogos é que o principal factor protector para evitar a súa cronificación é o diagnostico e poñer un tratamento adaptado ás características das súa doenza, evitando a automedicación e os mitos.

Pese ao infradiagnóstico a migraña cada vez se diagnostica máis, incluso en nenos. Os estilos de vida, con maiores niveles de estrés, multitude de actividades e horarios esixentes, está claro que tampouco axudan.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde