​AS ASOCIACIÓNS DE PACIENTES E OS PROFESIONAIS DA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE ORGANIZAN O SEU SEGUNDO PASEO POLA SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 09 2023

O Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, xunto co Servizo de Atención ao Paciente e Humanización organizan, o sábado día 30 de setembro, o seu segundo “Paseo pola Saúde”, unha xornada de lecer e encontro entre profesionais da sanidade pública e pacientes, para a promoción dos hábitos saúdables, celebrar a vida e a saúde comunitaria.

Con saída ás 10.00 horas desde o acceso á Ponte Vella (Salesianos) a andaina trascurrirá pola beira do Miño, ata o Tinteiro, nunha versión curta, ou ata o Muiño da Veiga, de 8 Km. ida e volta, cun perfil chairo e sen dificultades. A inscrición é gratuíta, na dirección: atencionpaciente.chou@sergas.es ou chamando ao teléfono: 988 388 515.

No punto de encontro de ambas rutas, no Tinteiro,  actuará a banda de música Santádega, e celebraranse obradoiros de prevención, primeiros auxilios e marcha nórdica, grazas a participación activa dos grupos de traballo de saúde comunitaria Salubrízate e Pupas, Sustos e Outros Desgustos, e a Asociación de Escaladores Ourensáns-Marcha Nórdica, ademais colaboración da Fundación Dorzán, Cruz Vermella, Vía Auria, Asociación Apetéceme ser Amigo da Área Sanitaria de Ourense, Ambulancias Burgas, Protección Civil de Ourense e Concello de Ourense

O Paseo naceu o pasado ano como unha necesidade de celebrar a vida e reunirse, tras máis de dous anos de pandemia e separación, as veces física e outras emocional, de tensións e preocupación pola saúde, especialmente pola dos enfermos crónicos e as persoas maiores. Este desexo común fixo que a primeira edición superase todas as espectativas de participación con máis de 500 inscritos.

Ademáis da festa do encontro, o paseo serve para poñer en contacto a pacientes, asociacións e profesionais precisamente nunha receita común e positiva para calquera idade e condición física, un paseo ao ar libre, socializar e tamén participar.

Órgano de participación e consulta

O Consello Asesor de Pacientes de Ourense, Verín e Valdeorras é unha estrutura de participación e asesoramento, que facilita o contacto directo entre pacientes e xestores da sanidade pública de Ourense, para recoller súas percepcións e achegas, cara ao desenvolvemento conxunto de obxectivos asistenciais e de humanización dos servizos sanitarios públicos.

Con este obxectivo, ademáis do contacto continuado, a través de distintas iniciativas bilaterais, o consello reúnese un mínimo de dous veces ao ano para abordar diferentes temas de actualidade.

En Ourense está formado polas seguintes asociacións: de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (Accu Ourense); Asociación Española Contra o Cancro (AECC Ourense); de Familiares de Alzheimer e outras Demencias de Ourense (Afaor); de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (Affou); Galega de Hemofilia (Agadhemo); Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (Agl); para a Loita contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer Ourense); de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia); Ourensana de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermedades Raras (Aodemper); de Persoas Xordas de Ourense (Apsou); para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (Aseia); Asociación Diabética Auria (Auria); de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (Renacer); de Persoas con Discapacidade da Comarca de Valdeorras e Asociadas (Disvalia); Asociación Down Ourense (Down Ourense); de Familiares e Enfermos Mentais Morea (AFEM Morea); por Eles Tea Ourense (Petea); e as Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (Discafis-Cogami); Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) e a Liga Reumatolóxica Galega (LRG).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde