A XUNTA CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DO DOANTE DE MEDULA ÓSEA SALIENTANDO A IMPORTANCIA DESTA FORMA DE DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 09 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sumouse ao acto de celebración organizado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) na Rúa Príncipe de Vigo con motivo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, que se conmemora este sábado 16 de setembro. No acto, estivo acompañado pola delegada territorial dda Xunta en Vigo, Ana Ortiz, polo director de xestión e servizos xerais de ADOS, José Luis Beiras Padella, e polo presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), Celso García Estévez. 

O titular da carteira de Sanidade subliñou que, no ano 2022, Galicia acadou 640 novos doantes inscritos no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO), que ten un total de 14.100 galegos e galegas. Así, en Galicia realizáronse nove doazóns efectivas ao longo do pasado ano para enfermos de distintos países, mentres que nos hospitais galegos efectuáronse 33 transplantes a partir de doantes non emparentados. 

Ademais, Julio García Comesaña salientou o labor de ADOS como centro de referencia en Galicia para o rexistro de doantes de medula ósea, integrado no REDMO. “Cando un equipo médico solicita un doante compatible, o REDMO busca entre os máis de 40 millóns de doantes de medula ósea que hai rexistrados en todo o mundo e a Organización Nacional de Transplantes (ONT) asegura que Galicia ten experimentado unha notable evolución no número de doantes inscritos”, remarcou o conselleiro ao falar do papel esencial que teñen as persoas que doan medula ósea, xa que sería imposible de obter de maneira artificial e permite salvar a vida a moitos enfermos. 

Dentro dos actos de conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue contou cunha mesa informativa na Rúa do Príncipe de Vigo para divulgar e informar a todas as persoas interesadas sobre este xeito de doazón.

Plan Nacional

Na actualidade, ADOS leva a cabo as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, que ten como obxectivo lograr un nivel de autosuficiencia do 35% de doantes non emparentados durante o presente ano; chegando ao 34% no  2022, o que representa un aumento de 30 puntos porcentuais dende 2012; sendo esta unha das liñas principais de traballo da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos para o quinquenio 2020-2025 (ENTPH).

Un dos elementos máis destacables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está traballando, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos, máis coñecido como transplante de medula ósea.

Neste caso, a unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federation for immunogenetics (EFI), dende o ano 1998, renovada de maneira periódica. Esta unidade, que dispón da tecnoloxía máis avanzada, pon de manifesto o compromiso do sistema sanitario público galego con este tipo de doazón.

Ademais, dende hai 10 anos, ADOS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición da cidadanía a páxina web galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Lémbrase que poden ser doantes de medula ósea, as persoas de 18 a 40 anos que non padezan ningunha enfermidade grave ou transmisible.

Concienciar e colaborar

ADOS está a desenvolver diversas iniciativas destinadas a sensibilizar a cidadanía da importancia da doazón da medula ósea, poñendo especial atención na poboación máis nova. Desta maneira, os estudantes galegos e os membros da comunidade universitaria reciben información sobre a doazón de medula ósea e lévanse a cabo distintas iniciativas enfocadas a fomentar a inscrición de novos doantes no REDMO. Entre as accións programadas por ADOS, encóntrase a VIII edición do Concurso Universitario de Curtametraxes sobre a Doazón e Transplante de Medula Ósea, promovido dende a Coordinación Autonómica de Transplantes do Sergas.

Dentro deste labor que ADOS leva a cabo para concienciar a poboación máis nova da importancia da doazón e transplante de medula ósea, enmárcase a iniciativa de levar mesas informativas aos centros de ensino secundario para divulgar este tipo de doazón que a Axencia vai desenvolver ao longo deste curso académico que acaba de iniciarse.

Así mesmo, dentro da ENTPH, e promovida  de maneira conxunta entre a ONT e as comunidades autónomas, un aspecto crucial é a promoción da doazón e as actividades desenvolvidas con asociacións de doantes para difundir o coñecemento sobre esta forma de doazón. Nesta liña de colaboración, ADOS leva anos realizando iniciativas conxuntas con asociacións como ADROVI, ASAMPO, FRANGIL e ASOTRAME.

ADOS quere poñer en valor a figura de todos os doantes de medula ósea con ocasión da celebración do seu Día Mundial, xa que o seu xesto solidario contribúe ao restablecemento de moitos pacientes. Igualmente, invita á cidadanía a informarse sobre este xeito de doazón na súa web: ados.sergas.gal, páxina que recolle información sobre todas as formas de doazón altruísta que poden levarse a cabo no sistema público de saúde de Galicia.

Ademais, tamén poden seguir a ADOS a través das redes sociais (Facebook, X pu Instagram), así como ver os contidos propios en YouTube, onde participan pacientes que dan a visión do transplante de medula ósea dende a óptica de quen a recibe.

Curtametraxes premiadas

No apartado do VIII Concurso universitario de curtametraxes relacionados coa doazón e co transplante de medula ósea, o primeiro premio recaeu na creación “Comparte as cores”, de Marta Rodríguez Cacheda e Alejandro Añón Blanco, da Facultade das Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, vídeo que será estreado nas redes sociais de ADOS este sábado; sendo o segundo premio para a curtametraxe “Quimera”, de Cristóbal Añón Blanco e Xián García Eiroa, tamén da Facultade das Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña; recaendo o terceiro premio, ex aequo, en “Doa medula, completa vidas”, de Alexia Mariño Beiro, da Facultade das Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña e “Compartimos vidas”, de Carla Fernández Pita, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde