A ÁREA SANITARIA DE FERROL DABA A BENVIDA ESTA MAÑÁ ÓS 86 ALUMNOS DE MEDICINA E ENFERMARÍA QUE ROTARÁN NESTA ÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2023

A Área Sanitaria de Ferrol acollía esta mañá ós 13 novos alumnos e alumnas de sexto de Medicina da Universidade de Santiago  (USC), e ós 73 novos alumnos e alumnas de terceiro curso na Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña  (UDC). Son 86 persoas que estarán a se formar nos centros sanitarios desta Área todo o curso académico 2023-2024 dende este mes de setembro e ata o mes de maio. A pasada semana dábase a benvida tamén a 20 Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría que estarán ata decembro deste ano.

No caso do alumnado de Medicina, rematan con esta formación os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Estes alumnos cursan materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde, e adquiren competencias xerais. En sexto curso, afondan xa en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzan os coñecementos máis globais. Pola súa banda, os alumnos e alumnas do terceiro curso de  Enfermaría, ós que se lle daba a benvida hoxe, adquirirán coñecementos nos ámbitos tanto médicos como cirúrxicos e de saúde mental. Estarán divididos en grupos que se incorporarán ós distintos departamentos en diferentes períodos temporais ó longo do total do seu curso académico.

Achegamento ó paciente e confidencialidade

Estes 86 novos alumnos eran recibidos esta mañá no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e estiveron con eles, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a decana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol, Enma Rodríguez Maseda; a directora de Procesos de Soporte, Rocío Vílchez Simó; a directora de Enfermaría, Isabel Campos Pardo; o responsable de Docencia, Ramón López de los Reyes; e tamén algúns profesionais titores que supervisarán estas rotacións. 

O xerente da Área, Ángel Facio dixo que “a práctica só se pode aprender poñéndose ó lado do que sabe”, e, neste caso, fixo “especial mención dos titores e colaboradores docentes”. Cualificou de “reto” o inicio da formación, “debedes aprender de todos, sanitarios e non sanitarios, e de compañeiros e pacientes. Creo no traballo en equipo”, e continuou, “ás veces poderemos curar, outras veces coidar, pero sempre acompañar”. E subliñou: “os sanitarios da sanidade pública temos que ser exemplares; a nosa implicación e compromiso ten que ser máximo. Benvidos e benvidas. É a casa da sanidade pública en Ferrol e convértese na vosa casa”.

Pola súa banda, a decana da Facultade ferrolá, Enma Rodríguez, remarcou “que se vos dedique este acto de benvida demostra a importancia que a Área lle dá a este momento”. Dirixiuse ós profesionais da Área: “grazas por como sodes con nós, pola colaboración e a paciencia”; pediulle ó novo alumnado “responsabilidade”; e rematou dicindo que “temos a mellor facultade de Galicia, e é posible porque temos tamén a mellor Área. Aproveitade as portas que vos abren”.

A directora de Procesos de Soporte, Rocía Vílchez, deulles a benvida “á nosa pequena gran familia, porque non temos a dimensión doutros hospitais pero somos grandes en coñecementos, ética e dedicación; e iso é o que esperamos poidades recoller coa vosa estadía. Porque o que fai que algo sexa brillante é a persoa e aquí temos grandes profesionais dos que vos podedes nutrir”. E engadiu, “espero que vexades ó paciente como un todo, é unha persoa con familia e sentimentos. Sede respectuosos, prudentes e amables, e eles serano con vós”.

A directora de Enfermaría da Área, Isabel Campos, desexoulles unha “estadía totalmente óptima no primeiro contacto coa sistema, coa realidade”. E invitoulles a preguntar e indagalo todo. Agradeceu a colaboración da facultade de de tódolos profesionais na formación “da profesión máis bonita do mundo”. E concluíu, “en nada, xa estamos sendo compañeiros todos, rematou. Por último, o responsable de Docencia e profesor asociado da USC, Ramón López, destacou que é o primeiro ano que se realiza esta benvida da Enfermaría e Medicina xuntos, e cre que xa enriquece en si mesmo, xa que son persoas que despois traballarán unidas no día a día. Agradeceu un ano máis que escolleran a Área ferrolá para as prácticas; e incidiu en que “nos dades moita enerxía e nos ensinades moitísimo”. Fixo unha referencia tamén “ós titores que desinteresadamente volo darán todo; e ó resto de profesionais que son a clave para que funcione todo”. Finalmente, invitounos a preguntalo todo: “encántanos que nos pidades cousas”. 

Preto de 200 alumnas e alumnos de diferentes graos na ASF

Pero estes 86 alumnos ós que se lle daba a benvida hoxe non son os únicos que veñen a se formar a Área Sanitaria de Ferrol. Así, rotan pola Área ó redor de 200 persoas de diferentes formacións. Xa que tamén chegaban a pasada semana os 20 alumnos de Coidados Auxiliares de Enfermaría procedentes dos CIFP Leixa de Ferrol, do IES Monte Castelo de Burela, e do CPR plurilingüe Liceo La paz de A Coruña, que realizarán 440 horas prácticas divididas en dúas rotacións nas distintas áreas hospitalarias ata decembro deste ano.

Están tamén un total de 42 alumnos máis entre os de quinto de Medicina e os de cuarto de Enfermaría; e pronto iranse incorporando os alumnos de Podoloxía, previsiblemente uns 40; e os de Traballo Social, Psicoloxía Clínica, Bioloxía, Química, Farmacia ou terapia ocupacional, que fan rotacións de máis curta duración. Xunto con todo isto, tamén os e as profesionais desta Área Sanitaria titorizan moitos dos Traballos Fin de Grao (TFG) do alumnado. No ámbito da formación profesional únense ós sanitarios, tamén o alumnado do ámbito non sanitario ou da administración. 

Claves para ás e ós futuros profesionais 

Trala benvida afondaron xa nunha serie de cuestións prácticas, as claves foron recordar que o importante é o paciente, a responsabilidade que iso leva consigo; e lembrar que o secreto profesional e a confidencialidade non son só unha cuestión ética, senón regulada por lei. A supervisora de Formación Continuada, María Luísa Fraga, adiantoulles igualmente consellos prácticos no día a día, e invitounos a manter unha continua formación e unha relación estreita tanto co paciente como cos profesionais doutras categorías. Falou, entre outras cuestións, do importante da hixiene e lavado de mans; do obrigado coñecemento dos protocolos de accidentes biolóxicos; da importancia de estar identificado; da actitude como elemento clave; de familiarizarse cos espazos e os profesionais; da protección dos datos de carácter persoal e da confidencialidade; e de garantir o dereito e, a dignidade e a intimidade do paciente. 

En moitas destas cuestións incidía tamén a pasada semana, na benvida ás e ós 20 técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría, a responsable de formación neste ámbito, Angélica Mosconi. Remarcou que o obxectivo do alumnado é completar as competencias profesionais; e o compromiso da organización é acompañalos e integralos nun entorno laboral real. Remarcou que o máis importante son a aptitude e a actitude, e coincidiu con María Luísa Fraga hoxe nun especial coidado coa normativa vixente, a confidencialidade e a hixiene.  A clave, insiste esta profesional, é observar, escoitar e preguntar, e pór en práctica dúas habilidades básicas, a paciencia e a responsabilidade, fomentando as boas relacións cos pacientes, as súas familias e os outros profesionais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde